Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UN TOTAL DE DOCE ESTABLECEMENTOS DE HOSTALERÍA DA LOCALIDADE PARTICIPAN NA "SEMANA DA ANGUÍA"
Do 9 ao 15 de outubro os locais ofrecerán entre o seu menú algunha elaboración coa anguía entre os seus ingredientes, requisito para participar nesta iniciativa impulsada a través do Club Narón Gastronómico
Narón, 7 de outubro de 2017. Unha ducia de establecementos hostaleiros do concello participarán do 9 ao 15 deste mes na “Semana da Anguía”, unha iniciativa enmarcada no Club Narón Gastronómico impulsado pola Concellería de Promoción Económica e coa que se pretende promover o consumo dun peixe de fonda tradición na comarca, baixo a marca Anguía do Xuvia. Anacos, A Grella dos Avós, A Trasanquesa, Casa Sindo, El Refugio, Gastrobar Piñeiros, Hotel Valcarce, Mesón O Pío, Restaurante Carballo, Restaurante Marcial, 7 Santiños e 3 Pés son os establecementos que se sumaron a esta acción que forma parte dun programa, o Club Narón Gastronómico, que aposta tamén por dinamizar o sector hostaleiro a través de diferentes actividades. Previamente, os establecementos participantes asistiron ao obradoiro que impartiu o cociñeiro Roberto Filgueira, do restaurante O Balado, de Boqueixón, no centro de formación municipal Irmás Froilaz, na Gándara. Desde o vindeiro luns, 9 de outubro, ata o domingo 15, os locais participantes incluirán nas súas cartas algunha creación gastronómica coa anguía como protagonista. O Club Narón Gastronómico fornecerá o material necesario para o desenvolvemento desta proposta e asumirá o traballo de difusión e publicidade. A “Semana da Anguía” conta coa colaboración loxística da Confraría de Pescadores de Barallobre e co apoio do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro –GALP Golfo Ártabro Norte–, que recentemente concedeu unha subvención de preto de 43.000 euros para o desenvolvemento do proxecto “Anguía do Xuvia” presentado polo Concello de Narón na convocatoria de axudas do presente ano. A “Semana da Anguía” é unha das actividades que forman parte dun proxecto que terá continuidade o vindeiro ano. O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, expresou a súa satisfacción polo éxito do obradoiro da semana pasada e polo interese dos locais de hostalería participantes que fan posible a posta en marcha desta proposta. “A anguía foi ata hai non moito tempo un produto importante na ría e o noso obxectivo é promover o seu consumo para recuperar na medida do posible esa tradición”, dixo o responsable da área de Promoción Económica.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal