Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA E A AGRUPACIÓN VECIÑAL SAN MATEO DE TRASANCOS ORGANIZAN VARIOS ACTOS PARA CELEBRAR O SAMAÍN
A cita terá lugar os días 30 e 31 de outubro en San Mateo e compleméntase cos Obradoiros de Samaín organizados polo Padroado e nos que participan máis de medio milleiro de escolares de Narón
Narón, 23 de outubro de 2017. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o secretario da Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos, José Manuel García, presentaron esta mañá os actos correspondentes ao Samaín de Trasancos 2017. O evento terá lugar os vindeiros luns e martes, 30 e 31 de outubro na citada parroquia, cunha gran variedade de actividades para celebrar esta festividade. Ferreiro e García convidaron á veciñanza de Narón e comarca a participar un ano máis nesta iniciativa, destacando o éxito da mesma ano tras ano, logrando congregar en San Mateo a centos de persoas procedentes de varios concellos. Na primeira das xornadas, o día 30, terá lugar un Obradoiro de decoración do Samaín, entre as 17.00 e as 20.00 horas no Centro Cívico de San Mateo. Será a xornada previa á celebración na parroquia da variedade de actos que se sucederán na tarde do martes 31 de outubro. A programación prevista para a xornada do martes dará comezo ás 17.00 horas, tal e como indicou José Manuel García, cun Obradoiro de cabazas e maquillaxe no que poderán participar as persoas que así o desexen, baixo unha carpa que se instalará nas inmediacións do Centro Cívico. A partir das 19.00 horas iniciarase o apartado musical, que nesta ocasión será con Músicas do Samaín e correrá a cargo do músico e actor galego Paco Nogueiras. A tradicional Comitiva de Luces e Tebras será novamente un dos atractivos deste tradicional evento. Ás 20.00 horas, coa chegada da noite, os asistentes realizarán un pequeno percorrido polas inmediacións do Centro Cívico, duns 800 metros, recreándose co mesmo manifestacións da mitoloxía popular galega relacionadas co mundo dos mortos. A comitiva portará candeas para ambientar o tramo e antes de saír Os Quinquilláns realizarán unha animación. A Escola Unitaria de San Mateo será un ano máis o escenario do Obradoiro do Medo, que dará comezo ás 20.45 horas, donde maiores e nenos vivirán unha serie de experiencias tenebrosas, propias desta ancestral celebración. Finalmente o Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón encargarase de pechar a programación, cunha actuación na que interpretarán varios temas de música tradicional. Finalizadas as actividades será o tempo de degustar -a partir das 21.30 horas aproximadamente- racións de caldo cociñado por veciñas de San Mateo, e tamén liscos e bebidas. Serviranse un total de 800 racións, según se indicou desde a organización, a un prezo simbólico dun euro. A presidenta do Padroado da Cultura destacou que a celebración do Samaín na parroquia de San Mateo “reúne cada ano a máis dun milleiro de persoas nas diferentes actividades de carácter tradicional e interxeracional, para contribuír ao mantemento e difusión da cultura e implicar neste fin á veciñanza de tódalas idades”. Ferreiro recordou tamén que hoxe mesmo comezaron a impartirse en centros de ensino da localidade unha serie de Obradoiros nos que as nenas e nenos decorarán as súas propias cabazas para o Samaín. Esta mañá foi o turno de preto de medio cento de alumnas e alumnos do colexio Ayala. “Máis de medio milleiro de alumnas e alumnos de colexios de Narón participarán nestes obradoiros programados desde hoxe e ata o vindeiro venres, pero a cifra será moito maior, ao non estar cuantificado o número de participantes nos que se celebrarán o luns 30 e o martes 31 en San Mateo”, destacou. “Trátase dunha proposta dirixida nos colexios a escolares de segundo, terceiro e cuarto curso de Primaria”, explicou Ferreiro, que indicou que se implicaron na proposta , ademais do colexio Ayala, os do Feal, Santiago Apóstol, A Solaina, Virxe do Mar, Ponte de Xuvia e o CRA do Val.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal