Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MARÍA DEL CARMEN ESPADA TOMOU POSESIÓN NO PLENO COMO CONCELLEIRA DE TERRA GALEGA
O tripartito naronés -TEGA, PSOE e BNG- aprobou en solitario unha modificación das ordenanzas que permitirá rebaixar o coeficiente do IBI ao 62% no ano 2018
Narón, 26 de outubro de 2017. A corporación local abordou hoxe no segundo punto da orde do día do pleno de finais de mes a designación de María del Carmen Espada como concelleira de Terra Galega, trala renuncia á súa acta do exalcalde, José Manuel Blanco, con motivo da súa xubilación, a finais do pasado mes de setembro. Espada ocupou o número once na lista de candidatos de TEGA ás pasadas eleccións municipais (de maio de 2015) e pasa oficialmente desde hoxe a formar parte da corporación local. No pleno aprobouse ademais a modificación, imposición e ordenación das ordenanzas fiscais correspondentes ao ano 2018. En base aos cambios realizados, o Concello reducirá o coeficiente do IBI aplicable a inmobles de natureza urbana ao 0,62%, fronte ao 0,65% aplicado no actual exercicio, tal e como explicou o edil de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, que recordou que “o IBI en Narón leva varios anos de baixadas consecutivas trala subida imposta polo Goberno central”. Así mesmo, as modificacións contemplan bonificacións do 75% no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica para os de motores híbridos, eléctricos ou que utilicen como combustible biogás, gas natural comprimido ou outros derivados. Na área do Servizo Sociocomunitario tamén haberá modificacións nas taxas e na duración do programa ConciliaEscola, que pasará a ter quendas quincenais en verán, Nadal e Semana Santa –coincidindo cos períodos de vacacións escolares- e adaptándose as taxas á duración do servizo. Este punto aprobouse cos únicos votos do tripartito, ao votar en contra os edís do PP e o de ENE e absterse o de EU. A ordenanza xeral municipal de subvencións do Concello tamén se someterá a algúns cambios, co fin de facilitar ás entidades do municipio o acceso ás subvencións concedidas pola administración local. O acordo aprobado provisionalmente no pleno co apoio de todos os grupos excepto ENE exporase ao público durante un prazo de trinta días –desde o día seguinte da súa publicación no BOP- para que se poidan presentar as reclamacións que se consideren oportunas. No pleno tamén se aprobaron unhas modificacións relativas aos pagos aos concelleiros con delegación e sen dedicación, sobre os que o portavoz de ENE tivo que rectificar no transcurso da sesión. A alcaldesa, Marián Ferreiro, instou ao edil a rectificar tras afirmar este que o aforro que se indicou desde o Concello con esta medida era de 60.000 euros ao ano, cando a cifra real que se facilitou desde o goberno local, como recoñeceu posteriormente o portavoz de ENE, foi de 6.000 euros. No referente á área de Turismo aprobouse solicitar á Xunta a declaración da Pena Molexa, na parroquia do Val, como Ben de Interese Cultural. O Concello encargou este ano o “Proxecto de Dinamización Territorial e Turística Monte da Lagoa-Pena Molexa”, que implicou a realización dunha serie de documentos co fin de solicitar á Xunta esa declaración. A edil responsable da área, Natalia Hermida, destacou ao respecto que a concesión desa distinción “ten dous obxectivos, a posta en valor deste conxunto megalítico e lograr a súa máxima protección”, ao tempo que subliñou que se convertirá “nun elemento dinamizador do turismo moi importante para a nosa cidade”. Na orde do día do pleno presentáronse catro mocións. O Grupo Mixto Municipal (EU) presentou unha sobre o rexeitamento da Proposición de Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, que se aprobou cos únicos votos en contra do PP. Tamén o Grupo Mixto (a través de ENE) presentou unha moción instando ao goberno local a recurrir o convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a encomenda de xestión da Edar de Prioriño, unha proposta que non saíu adiante. Así mesmo, aprobouse unha moción conxunta do Grupo Mixto (EU) e o tripartito (TEGA, PSOE e BNG) para reclamar á Xunta que dote de fondos a Lei de Benestar Animal, consignando os orzamentos necesarios para garantir a súa correcta aplicación e apoio técnico para implementar as súas disposicións. E a última das mocións incluídas na orde do día, que tamén se aprobou, foi a presentada polo PSOE para a reforma urxente da Lei Orgánica 8/2013 de 9 de decembro para a mellora da calidade educativa. Fóra da orde do día do pleno de hoxe o BNG presentou unha moción sobre o 25 de novembro, para instar á Xunta a avanzar na concreción do Pacto galego contra a violencia machista acordado por unanimidade no Parlamento galego en xaneiro deste ano. O documento aprobouse tamén no pleno por unanimidade. Finalmente abordouse unha moción presentada polo PP sobre a posibilidade de reverter os beneficios xerados por Cosma a prol dos veciños, que non obtivo o respaldo de ningún dos grupos restantes da corporación local.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal