Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A DEPUTACIÓN PREVÉ CONSIGNAR NO PRIMEIRO SEMESTRE DE 2018 OS 500.000 EUROS DO CONVENIO PARA AVANZAR NA REHABILITACIÓN DO MUÍÑO DE XUVIA
Os concelleiros Pablo Mauriz, Pablo Villamar e Guillermo Sánchez Fojo desprazáronse onte á construción co deputado provincial Xosé Regueira e representantes da AVV "Altea" de Xuvia
Narón, 13 de decembro de 2017. Os concelleiros de Obras e Promoción Económica, Pablo Mauriz e Pablo Villamar, respectivamente, e o edil de Seguridade, Guillermo Sánchez Fojo, desprazáronse ao muíño de Xuvia co deputado de Cooperación, Turismo e Patrimonio Arquitectónico Xosé Regueira e con representantes da AVV “Altea”, da parroquia, entre os que estaba o presidente, Ramón Rodríguez. A Deputación da Coruña comprometeuse o pasado mes de febreiro a colaborar económica e loxísticamente co Concello para continuar avanzando na recuperación desta construción. O propio deputado provincial confirmou que “o noso obxectivo é poder habilitar a principios de 2018 unha partida en torno ao medio millón de euros para colaborar co Concello de Narón nunha nova fase de rehabilitación deste edificio, que agardamos que en breve poida estar en uso para a veciñanza de Xuvia e para que as persoas que pasen polo Camiño Inglés poidan visitar un espazo musealizado neste contorno de Turismo Industrial”. A Deputación da Coruña, tal e como explicou Regueira, “ten nestes momentos unha retención de crédito realizada para colaborar neste proxecto e entre finais de febreiro e principios de marzo intentaremos tramitar definitivamente o orzamento previsto, co que agardo que antes do verán estea lista ou moi avanzada a sinatura do convenio para poder executar as obras”. O goberno local naronés aposta por convertir esta construción nun museo etnográfico, o que suporá un importante investimento para recuperar un dos edificios máis emblemáticos da cidade, ao ser un dos máximos expoñentes da historia industrial de Narón nos séculos XVIII e XIX. “Esta visita era obrigada porque cando se nos presentou a oportunidade de coñecer o proxecto que tiña o Concello para un ben tan singular como este muíño, que se ve que é un edificio con moita potencialidade patrimonial, e dado que a Deputación da Coruña ten entre as súas prioridades o Camiño Inglés, e este entorno está nese ámbito, para nós tamén se convertiu nunha prioridade dentro do Plan provincial de Patrimonio”, asegurou Regueira. O Concello de Narón adquiriu o muíño de Xuvia no ano 2009, pasando a ser de titularidade municipal tanto un espazo de 544 metros cadrados de chan urbán, como o propio muíño fariñeiro, a vivenda de planta baixa, un almacén, a zona de acceso e unha pequena horta. O investimento para a adquisición deste patrimonio ascendeu a 311.000 euros e posteriormente habilitouse unha nova partida para rehabilitar o tellado e as paredes exteriores do muíño, o que supuxo un investimento no ano 2010 de 198.409 euros. Os traballos desta primeira fase, xa rematados, continuarán en vindeiras anualidades, tal e como se avanzou desde o goberno local. Ao respecto, o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, recordou que existe un proxecto cunha valoración económica, que está en revisión, e no que se contempla “un investimento dun millón de euros para a rehabilitación do muíño como museo e da vivenda anexa como un espazo para outros usos, aínda por definir”. Pola súa parte, Villamar agradeceu a visita de Regueira á localidade e destacou a liña de colaboración existente entre o Concello e a Deputación da Coruña, valorando as xestións realizadas desde ambas administracións para chegar a acordos “que redundarán no beneficio das veciñas e dos veciños de Narón, que son en todo momento a prioridade deste goberno local, ao tempo que a conservación do noso patrimonio, neste caso cunha edificación tan importante e con tanta historia como este muíño de Xuvia”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal