MARIÁN FERREIRO VALORA "MOI POSITIVAMENTE" OS CEN DÍAS DE GOBERNO Á FRONTE DA ALCALDÍA DE NARÓN
A rexedora local destacou que se mantén a conxelación de taxas, baixará o IBI e tamén os avances en materia de saneamento, accesibilidade, eficiencia enerxética e as xestións para a construción do novo centro de saúde e continuar rehabilitando o muíño de Xuvia, entre outras
Narón, 19 de xaneiro de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, realizou un balance da xestión realizada transcorridos algo máis de cen días desde que está á fronte do goberno local da cidade. A rexedora local amosouse moi satisfeita co traballo realizado e destacou o feito de que se desenvolveron neste tempo varias xestións que nos vindeiros meses se materializarán coa execución de obras demandadas e necesarias para a veciñanza deste concello. Así mesmo, destacou o feito que a partir deste mesmo ano impostos como o IBI experimentarán unha baixa, ao reducirse o coeficiente do 0,65 ao 6,62 no momento da aprobación das ordenanzas fiscais, a finais do pasado ano, e a conxelación de taxas un ano máis para minimizar a presión fiscal sobre a cidadanía. A conxelación de taxas e a baixada do IBI son dúas cuestións de vital importancia para o goberno local, tal e como se amosou en anos anteriores e como continuará sendo nos vindeiros meses, asegurou.
En materia de investimentos Ferreiro subliñou tamén a aprobación, o pasado mes de decembro, do POS+2018 da Deputación da Coruña, do que corresponderon 1,8 millóns de euros á cidade. Desta partida destinarase a investimentos algo máis dun millón de euros, que entre outras actuacións permitirán continuar avanzando na ampliación da rede de saneamento na zona rural e na mellora da eficiencia enerxética en varios puntos do termo municipal, explicou Ferreiro.
No que respecta á eficiencia enerxética, Ferreiro recordou que o pasado ano reserváronse 1,2 millóns de euros para varias actuacións nesta área en instalacións municipais e espazos públicos. Ás executadas nos barrios da Solaina e da Gándara súmanse as proxectadas en Xuvia entre a rotonda de Megasa e a ponte limítrofe con Neda- e nos pavillóns polideportivos da Gándara, Campo da Serra e As Lagoas e no Pazo da Cultura, entre outras.
Foi a accesibilidade outro dos asuntos que centraron parte da actividade desenvolvida nos últimos meses desde a administración local. Sobre esta área a alcaldesa avanzou que se encargou un estudo de accesibilidade en locais sociais e edificios administrativos para acometer actuacións nesta área e encargarase outro no que se analizará a situación actual do municipio en relación coa accesibilidade, de cara a seguir avanzando na supresión de barreiras arquitectónicas para acadar que Narón sexa unha cidade cen por cento accesible. A aposta de Narón pola accesibilidade chegará tamén á Gándara cun parque no que se instalarán elementos de xogo adaptados para nenas e nenos con mobilidade reducida e que suporá un desembolso de 160.000 euros.
Tamén durante o mandato de Ferreiro se avanzou nas xestións que derivarán na construción dun novo centro de saúde no Alto do Castiñeiro. Nós confiabamos en que o pasado ano se licitasen os traballos, como así se recollía no documento asinado inicialmente entre a Consellería de Sanidade e o Concello, pero finalmente a administración autonómica confirmounos que non lles sería posible facelo, algo que lamentamos e que esperamos que se axilice nestes primeiros meses de ano para que estas infraestruturas, tan necesarias, sexan unha realidade canto antes.
O Concello de Narón acadou tamén o pasado ano, xunto con Ferrol, dez millóns de euros procedentes dos Fondos Feder 2014/2020 para Estratexias de Desenvolvemento Urbanístico Sostible e Integrado (Edusi) Ría de Ferrol Cidade 2020. A alcaldesa recordou os últimos avances, que permitirán levar ao pleno deste mes, a vindeira semana, o convenio de colaboración entre os Concellos de Ferrol e Narón para a implementación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable Integrado Ría de Ferrol Cidade 2020. En base a este acordo entre administracións levaranse a cabo varias actuacións na cidade, que se darán a coñecer nos vindeiros meses, con cargo a estes fondos europeos, sinalou.
A vontade de colaboración entre administracións queda patente tamén nestes últimos meses, nos que se estreou a cuncha acústica do Pazo da Cultura cofinanciada pola Deputación da Coruña e inaugurada o 1 de decembro do pasado ano- e no compromiso desta administración para colaborar con 500.000 euros na rehabilitación do muíño de Xuvia. O Concello cumpriu tamén coa súa parte, sufragando o 20% do custe da cámara de concertos do Pazo e reservará tamén este ano unha partida de 500.000 euros para avanzar na rehabilitación do muíño de Xuvia, recordou.
A maiores destas cuestións, todas elas de vital importancia para a nosa cidade, estamos ultimando os orzamentos desde ano, que previsiblemente se levarán ao pleno en febreiro e nos que un ano máis, centramos a atención nas persoas maiores, a infancia, a cultura e o deporte, os catro pilares polos que sempre se apostou e apostará desde este goberno local, avanzou Marián Ferreiro.