O PAZO DA CULTURA E O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLERÁN DO 9 AO 17 DE MARZO O FESTIVAL SINGULAR EN FEMININO
A presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, presentaron a convocatoria, enmarcada este ano nos actos do Día Internacional da Muller
Narón, 6 de marzo de 2018. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, presentaron esta mañá o Festival Singular en Feminino, que se desenvolverá entre os días 9 e 17 de marzo. A presidenta do Padroado explicou que aínda que inicialmente estaba previsto iniciar este ciclo de monólogos o vindeiro xoves, día 8, coincidindo co Día Internacional da Muller, trala convocatoria da folga para esa xornada decidiuse suspender esa función, na que ía actuar a compañía Teatro del Barrio, co monólogo Emilia. As entradas para os espectáculos deste festival do monólogo teatral teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para o resto, podendo adquirirse na billeteira do Pazo da Cultura ou na web: www.padroadodecultura.es. As representantes do goberno local animaron á cidadanía de Narón e comarca a asistir a este festival do monólogo.
A primeira das citas será polo tanto o venres día 9 con dúas sesións programadas, unha no Pazo da Cultura e outra no Auditorio municipal. A primeira delas será nesta última ubicación, a partir das 18.30 horas, e consistirá no monólogo A noiva de Don Quixote, coproducido pola compañía Eme2 e o Padroado da Cultura de Narón. Dulcinea protagoniza esta peza, rebelándose contra o personaxe que Cervantes lle atribuíu na novela pero sen perder o humor. Ese mesmo día pero a partir das 20.30 horas poderase ver no Café Teatro do Pazo da Cultura o monólogo A filla de Woody Allen, de Ibuprofeno Teatro. Neste caso o espectador iniciará unha viaxe coa protagonista, que vai na procura do seu pai, un ser totalmente descoñecido para ela e que lle plantexa varios interrogantes na súa vida.
A terceira das propostas programouse para o sábado día 10, coa compañía Iris Teatro, que representará Frida, a partir das 20.00 horas no Café Teatro do Pazo. Frida Kalho é a protagonista deste monólogo, cargado de fantasía, música, baile e ledicias pero donde tamén asoman diversas contradicións marcadas pola dor pero que se transmiten como un canto á vida.
O ciclo pecharao o día 17 deste mes a compañía Berrobambán, con A carreta pantasma, tamén desde as 20.00 horas e no Café Teatro do Pazo. Neste espectáculo afóndase entre os límites entre a narración oral e o teatro, fálase da morte, do medo e da memoria, sen perder de vista a facilidade coa que esquecemos certas situacións polo feito de vivir no inmediato.
A concelleira de Cultura explicou que eses monólogos escritos e interpretados por mulleres se elixiron respondendo ao desexo de visibilizar e apoiar as reivindicacións que ata o día de hoxe aínda están presentes nas vidas persoais e profesionais das mulleres en particular e da sociedade en xeral.
Pola súa banda, Marián Ferreiro subliñou que desde este organismo continuaremos defendendo e dando a coñecer o traballo das mulleres, en condicións de igualdade, e tamén a cultura galega, feito que tamén se constata coa colaboración do Padroado da Cultura na coprodución dun destes monólogos e no de que tres dos catro monólogos que se poderán ver estes días sexan en galego.