Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MEDIO CENTO DE ALUMNAS E ALUMNOS DO COLEXIO SANTIAGO APÓSTOL PLANTARON TRINTA ÁRBORES NO PASEO MARÍTIMO DE XUVIA
A iniciativa enmárcase nunha acción de concienciación ambiental impulsada polo Concello e a Corporación Masaveu, que alcanzou este ano a súa oitava edición
Narón, 22 de marzo de 2018. Escolares do colexio Santiago Apóstol de Narón participaron esta mañá nunha iniciativa medioambiental que cada ano organiza na cidade a Corporación Masaveu en colaboración co Concello de Narón. A alcaldesa do municipio, Marián Ferreiro, acompañada polo edil responsable de Parques e Xardíns, Ibán Santalla, e outros concelleiros do grupo de goberno, entre eles Manuel Ramos, asistiu a esta convocatoria, que alcanzou a súa oitava edición e que se desenvolveu a partir das 12.30 horas no paseo marítimo de Xuvia. En representación da Corporación Masaveu acudiron o que será proximamente o responsable de Relacións Institucionais, José Luis Sáenz de Santamaría; o xefe do departamento de Medio Ambiente do Grupo, Fernando Fernández, e o director da fábrica de Cementos Tudela Veguín de Narón, Carlos Hugo Huerta. Un total de corenta e seis nenas e nenos de sexto curso de Primaria do colexio Santiago Apóstol participaron activamente nestas xornadas de concienciación medioambiental. Primeiro atenderon as explicacións que lles ofreceu un experto en xardinería sobre o como plantar unha árbore e a continuación, provistos do material necesario, comezaron a realizar a plantación, en grupos, das trinta árbores. Tamén plantaron un exemplar a alcaldesa e os edís naroneses e outro os representantes da Corporación Masaveu. Desde esta mesma mañá o paseo marítimo de Xuvia conta con dez metrosideiros máis, nove cerdeiras xaponesas –de flor- e once abedules chinos, as mesmas especies que se elixiron para a plantación que se organizou o ano pasado tamén na zona do paseo de Xuvia. Os exemplares plantados teñen un calibre de entre 12 e 14 centímetros e máis de dous metros de altura, elixíndose precisamente esas especies pola súa boa resistencia para a zona na que se plantaron. A medida que ían rematando o traballo os escolares colocaron unha cinta de papel co seu nome nas árbores que plantaron, para que deste xeito quede constancia do traballo realizado por cada un deles. Antes de abandonar a zona do paseo de Xuvia, co labor xa feito, pedíronlle á alcaldesa, Marián Ferreiro, que lles asinase as camisetas que lles entregaron con motivo deste evento para, a continuación, posar todos xuntos para sacar unha imaxe que inmortalizase a xornada. Os rapaces e rapazas, xunto cos profesores e profesoras que os acompañaban, e cos representantes do grupo de goberno e da Corporación Masaveu, dirixíronse a continuación ao local da Asociación de Veciños Altea, en Xuvia, a escasos metros da zona na que se levou a cabo a plantación, para realizar un descanso e comer algo antes de voltar ao colexio. Marián Ferreiro e José Luis Sáenz de Santamaría agradeceron un ano máis ao colexio Santiago Apóstol de Narón a súa colaboración neste evento e recalcaron a importancia de continuar impulsando iniciativas como a de hoxe na cidade, incrementando o número de especies arbóreas das zonas verdes de Narón.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal