O CONCELLO RECIBE UNHA SUBVENCIÓN DE 17.000 EUROS DA DEPUTACIÓN PARA A OFICINA DE TURISMO
A concelleira responsable da área, Natalia Hermida, avanzou que o servizo estará atendido por dúas persoas e manteranse operativo entre os meses de xuño e setembro
Narón 6 de abril de 2018. A Deputación da Coruña subvencionará con 17.159,76 a Oficina de Turismo de Narón. Así o anunciou a concelleira responsable desta área, Natalia Hermida, tras recibir a confirmación da administración provincial desta colaboración, que permitirá contratar a dúas persoas da bolsa de emprego municipal e manter operativo o servizo entre os meses de xuño e setembro nun horario máis amplo incluso que outros anos, explicou. A edil amosou a súa satisfacción por recibir esta subvención doutra administración, xa que con ela custearase a totalidade dos gastos do persoal titulado para a atención aos visitantes da Oficina de Turismo de Narón, o que permitirá un aforro importante ao Concello para destinar a outras actuacións.
As persoas que se contratarán desde o Concello para manter aberta a Oficina de Turismo de Narón, que se localiza nas inmediacións da rotonda de Freixeiro, desenvolverán durante a tempada estival unha importante labor de difusión do patrimonio e dos eventos tanto locais como comarcais. Así o recalcou a concelleira de Turismo, ao indicar que todas as persoas que se acheguen ás instalacións terán a oportunidade de recibir información sobre os recursos turísticos de Narón e, en definitiva, do destino turístico Ferrolterra Rías Altas
A edil responsable da área recordou que o Concello dispón ademáis dunha páxina web: http://turismo.naron.es/ e dun punto de información no Concello na entrada principal- donde durante todo o ano se ofrece información turística da cidade, cultural, etc.