Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CONCELLERÍA DE FORMACIÓN E MOCIDADE ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN EN TRES ACCIÓNS FORMATIVAS
A concelleira responsable destas áreas, Natalia Hermida, explicou que se impartirá un curso de Soldadura TIG e MIG subvencionado a través do Ministerio de Presidencia e dous máis sobre Medio Ambiente e Prevención de Riscos Laborais no sector naval e Traballos en Altura e Verticais, estes últimos con dúas edicións cada un
Narón, 5 de maio de 2018. A concelleira de Formación e Mocidade, Natalia Hermida, anunciou a apertura, o luns día 7, do prazo de inscrición en novas accións formativas. Unha delas é un curso de soldadura TIG e MIG, subvencionado cunha axuda do Fondo Social Europeo, a través do Ministerio de Presidencia e Administracións Territoriais, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Así mesmo, convócanse catro edicións de dúas accións do Programa Municipal de Formación, sobre Medio Ambiente e Prevención de Riscos Laborais no sector naval e Traballos en Altura e Verticais. Hermida destacou que “en conxunto, un total de setenta e nove veciñas e veciños de Narón poderán anotarse nestas accións formativas, no caso de cumprir os requisitos estipulados para cada unha delas”. Sobre o curso de Soldadura TIG e MIG, do proxecto formativo “Mocidade Narón Activa 4.0”, a concelleira responsable da área recordou que se poderán inscribir persoas desempregadas empadroadas en Narón e de entre 16 e 30 anos inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Desde o vindeiro luns e ata o 1 de xuño permanecerá aberto o prazo para inscribirse, a través do Rexistro Xeral do Concello ou da Sede Electrónica. Ao respecto da selección do alumnado, Natalia Hermida subliñou que para este curso de Soldadura TIG e MIG inicialmente comprobaranse os requisitos de acceso (fase eliminatoria) para a continuación proceder á baremación dos candidatos (valorando a pertenza a colectivos de preferencia, a formación académica, a complementaria, a experiencia profesional e a antigüidade no desemprego). Así mesmo, indicou, realizarase unha entrevista persoalizada e unha proba de aptitude médica. En canto ao curso, Hermida explicou que se desenvolverá no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, estimándose as datas do mesmo de xuño a novembro deste ano. “O curso consta dun total de 684 horas e diríxese a quince persoas”, apuntou a edil, que recordou que se trata “dunha formación moi completa, tendo en conta que a subvención acadada para poder levalo a cabo foi de 52.590 euros, cos que reforzaremos a empregabilidade e competencias profesionais do colectivo ao que se dirixe”. “Este foi o primeiro ano no que o Concello puido solicitar estas axudas europeas, que estaban reservadas a cidades de máis de 50.000 habitantes; para Narón é unha achega moi importante a recibida, e que vén a reafirmar a necesaria colaboración entre administracións para continuar traballando en materia de formación laboral e, neste caso, coa mocidade”, subliñou Hermida. A concelleira de Formación e Mocidade destacou que “se trata dun programa moi completo, sobre un dos sectores con máis oportunidades de crecemento e creación de emprego nestes momentos, como o constata a Estratexia Española de Activación para o Emprego”. Así mesmo, a edil indicou que o Concello aportará 4.641 euros para sufragar o custe restante do proxecto. “Xunto con Lalín e Arteixo, o de Narón foi dos únicos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes en acadar esta subvención europea”, destacou. A maiores, Hermida avanzou que tamén o luns día 7 abre o prazo de inscrición en dúas accións do Programa Municipal de Formación, con dúas edicións cada unha delas, sobre Medio Ambiente e Prevención de Riscos no Naval e de Traballos en Altura e Verticais. Estas accións diríxense, recordou, a desempregados empadroados en Narón e maiores de 18 anos e o prazo para anotarse –a través do Rexistro Xeral do Concello ou da Sede Electrónica- permanecerá aberto ata o 8 de maio. Nesta ocasión, apuntou a concelleira, os aspirantes deberán cumprir os requisitos que requiren a realización das accións formativas e a súa certificación e, a maiores, deberán acreditar que dispoñen da formación básica de 60 horas de Prevención de Riscos Laborais. O curso de Medio Ambiente e Prevención de Riscos Laborais terá dúas edicións, unha do 21 ao 24 de maio e outra do 30 de maio ao 4 de xuño. En cada unha poderá haber un máximo de vinte alumnos/as e a duración será de 16 horas. O curso de Traballos en Altura e Verticais, terá dúas quendas, unha do 11 ao 22 de xuño e outra do 25 de xuño ao 6 de xullo, para un total de doce persoas por cada unha delas e cunha duración total de corenta horas. En ambos casos o alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición. As persoas que desexen recibir máis información sobre estas tres accións formativas poden facelo a través da páxina web do Concello de Narón -http://www.naron.es/web/docs/formacion/Proxecto-Formativo-Mocidade-Naron-Activa.pdf ou -http://www.naron.es/web/docs/formacion/Medio-Ambiente-PRL-Naval-Traballos-Altura-Verticais.pdf-. Así mesmo, poden solicitala chamando ao número de teléfono: 981 337 700 (extensións: 2602, 1123, 1120 ou 1107).

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal