Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ALMORZOS DE BALDE EN COLEXIOS E NO CONCELLO, O PARKING DAY E CHARLAS PARA EMBARAZADAS COMPLETAN HOXE OS ACTOS DA SEMANA DA MOBILIDADE E EDUCACIÓN VIARIA
A programación desta iniciativa continuará mañá coa final das Olimpíadas Escolares no Pazo da Cultura, entre outras propostas dirixidas a varios colectivos
Narón, 9 de maio de 2018. Un boliño de pan, leite con cacao e mandarinas foi o almorzo que, no marco do programa da Semana da Mobilidade e Educación Viaria de Narón se ofreceu esta mañá nos centros escolares da cidade ao alumnado que acudiu camiñando, en monopatín ou en bicicleta. Os nenos e nenas recibiron o almorzo á chegada ao centro, degustándoo uns minutos antes de entrar nas aulas. As Anpas dos colexios colaboraron co Concello na entrega deste almorzo entre as 8.30 e as 9.10 horas. Do mesmo xeito, o persoal que traballa no Concello e que acudiu tamén a pé, en monopatín ou bicicleta puido degustar un almorzo de balde na cafetería do Consistorio e poderá saír hoxe media hora antes do seu posto de traballo, ás 14.00 horas. Esta tarde a programación continuará na Praza da Gándara co Parking Day. No marco desta proposta, entre as 17.00 e as 18.00 haberá clases de guitarra; de 18.00 a 19.00 unha actividade de pintura ao aire libre, aberta á participación do público en xeral, e de 19.00 a 20.00 unha sesión de zumba, tamén de balde e na que poderán participar todas as persoas que o desexen. Para rematar a xornada de hoxe, o Café Teatro do Pazo acollerá entre as 18.00 e as 20.00 horas un obradoiro dirixido a embarazadas sobre Seguridade no automóvil-Sistemas de retención infantil e ao rematar, a presentación do proxecto Apego, de socialización de menores en galego. As patrullas de policía en bicicleta continuarán o xoves durante todo o día percorrendo as rúas da cidade. Tamén mañá será o día da Final das Olimpíadas Escolares organizadas polo Concello en colaboración coa Fundación CNAE, entre as 10.00 e as 13.00 horas no Pazo da Cultura. Escolares de quinto e sexto curso de Primaria de nove centros escolares de Narón (Ponte de Xuvia, Ayala, O Feal, Piñeiros, Santiago Apóstol, A Gándara Virxe do Mar e A Solaina) participan nesta iniciativa -máis de seiscentas rapazas e rapaces- que comezou o pasado mes de xaneiro. De cada aula saíu elixido –tras superar unha proba teórica e outra práctica- un aula, que será a que dispute os premios da final, tras a pertinente rolda de preguntas. O alumnado realizou unha serie de murais e maquetas sobre Melloras da seguridade viaria en Narón, tamén puntuables, que se poden ver ata o venres, día 11, na Sala de Infantil da Biblioteca municipal, en horario de 17.00 a 20.00. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e varios edís da corporación local acudirán mañá a esta final das Olimpíadas Escolares e entregarán os premios aos gañadores. Ao longo da tarde de mañá continuará o Parking Day na Praza da Gándara, cun obradoiro de cerámica entre as 17.00 e as 18.00, aberto á participación da cidadanía en xeral; un encontro de palilleiras entre as 17.00 e as 19.30 e sesións de musicoterapia, de 18.00 a 19.00 horas, abertas tamén ao público en xeral. A maiores, entre as 17.00 e as 19.00 haberá unha exhibición e clases de iniciación ao skate nas instalacións de Evo Skate, na Faísca.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal