Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ESCRITORA ÁNXELA GRACIÁN PRESENTA NA BIBLIOTECA O LIBRO "DOCE CARTAS A MARÍA VICTORIA MORENO"
A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, acompañará á autora no acto, que terá lugar o 15 de maio a partir das 19.00 horas
Narón, 14 de maio de 2018. A sala de actos da planta do soto da Biblioteca municipal acollerá mañá martes ás 19.00 horas a presentación do libro Doce cartas a María Victoria Moreno, da recoñecida escritora e tradutora Ánxela Gracián e con ilustracións de Antonio Seijas. Ambos acudirán, xunto coa editora, Aura Rodríguez, ao acto de presentación, no que tamén estará presente a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo. A autora da publicación fai un repaso pola vida e obra de María Victoria Moreno, homenaxeada este ano con motivo do Día das Letras Galegas, que se conmemora o vindeiro xoves. Garimoso é o protagonista deste libro, un lobo que Moreno imaxinou no seu libro Mar adiante noble e bo, e que é o narrador de Doce cartas a María Victoria Moreno. Está dirixido ao público infantil, xuvenil e familiar e pódese ler tanto a través de flash backs como cronoloxicamente. Hércules Ediciones publica este libro, no que a través das cartas se rememora a infancia de María Victoria Moreno como un paraíso perdido, as súas vivencias na mocidade e aspiracións, a súa concepción da docencia, as lecturas, a lealdade a amigos e mestres e moitos outros asuntos de interese sobre a súa intensa vida. A axilidade da narración e a imaxinación coa que se plasman os diálogos e ilustracións logran atraer ao público ao que se dirixe este libro, achegándoo ao legado da escritora María Victoria Moreno. A concelleira de Bibliotecas animou ás veciñas e veciños a acudir a esta convocatoria, destacando a figura de María Victoria Moreno e recordando que con esta convocatoria se inician os actos programados desde o Concello con motivo do Día das Letras Galegas, que terán continuidade ao longo desta semana cunha variedade de propostas impulsadas desde o Concello tanto na Biblioteca municipal como na Praza da Lectura, en Santa Icía.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal