Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
PRETO DE CATROCENTOS ESCOLARES DA CIDADE PARTICIPARON NA CLAUSURA DO "XXIX CERTAME INTERCENTROS DE NARÓN"
O Pazo da Cultura acolleu a convocatoria na que se procedeu á entrega de premios deste certame e onde o colexio organizador, o CPI do Feal, pasou o testigo ao colexio de Piñeiros para convocar a vindeira edición
Narón, 15 de maio de 2018. O Pazo da Cultura acolleu esta mañá o acto de entrega de premios do “XXIX Certame Intercentros de Narón”. Preto de catrocentas alumnas e alumnos en representación dos centros públicos de ensino da cidade acudiron á convocatoria, acompañados por persoal docente e integrantes das Anpas dos centros. O colexio do Feal foi este ano o centro organizador do certame, no que a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, e varios edís da corporación local, persoal do Servizo Sociocomunitario e dos centros educativos e Anpas entregaron os diferentes premios aos gañadores das distintas modalidades. Alumnado da Escola de Teatro de Narón encargouse de presentar o evento, que comezou pasadas as 12.00 horas, e os integrantes do Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos amenizaron a entrega dos recoñecementos. A través deste certame foméntase cada ano entre os centros de ensino de Narón o uso da lingua galega coincidindo coa próxima celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio. A edil de Ensino entregou os premios globais de participación que recolleron os representantes dos colexios participantes e tamén o do cartel anunciador do certame este ano, realizado por alumnado do colexio do Feal. Os estudantes dos colexios Ponte de Xuvia, Piñeiros, Virxe do Mar, A Solaina, O Feal, A Gándara e do CRA de Narón e dos IES das Telleiras e Terra de Trasancos participaron nas diferentes modalidades deste certame: Murais, Conto, Conto ilustrado, Cómic, Expresión oral, Canción en galego, Audiovisual, Reportaxe xornalística, Poesía, Teatro escrito e Narrativa. Taibo felicitou a tódolos alumnos e alumnas dos centros participantes, así como ao persoal docente e as Anpas pola súa labor e tamén a colaboración da Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón. Así mesmo, a edil de Ensino animou ao colectivo a continuar defendendo e fomentando o uso da lingua galega e convidouno a participar activamente nos actos programados desde o Concello mañá e o xoves na Praza da Lectura, en Santa Icía, para continuar festexando na cidade o Día das Letras Galegas. “Desde o Concello de Narón continuaremos homenaxeando esta semana a figura de María Victoria Moreno, unha muller cuns méritos indiscutibles na defensa do galego e cunha exitosa carreira profesional, nada fácil para unha muller na súa época, chegando a ser perseguida por impartir clases en galego e figurando nunha lista negra de mestres”. “Xuntos reivindicaremos o papel que o galego debe ter no presente, sen esquecer tempos pasados e apostando por un futuro sempre mellor”, subliñou a edil de Ensino. Ao remate da intervención de Mercedes Taibo os presentadores do certame anunciaron que será o colexio de Piñeiros o encargado de organizar o vindeiro ano, na súa trixésima edición, o Certame Intercentros do Concello de Narón, pasando un responsable do centro a recoller o testigo de mans dunha docente do colexio do Feal.

<<< Febreiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13 14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
Eventos do Concello
www.naron.es