A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que na iniciativa, enmarcada no programa municipal Arte na Escola, colaboraron o propio colexio, a Anpa e o artista naronés Leandro Lamas
Narón, 24 de maio de 2018. Os douscentos alumnos e alumnas do colexio de Piñeiros remataron onte pola mañá un mural no exterior do inmoble da Anpa do centro, As Aceas, a escasos metros do centro escolar- deseñado polo artista naronés Leandro Lamas. Esta iniciativa enmárcase no programa municipal Arte na Escola, tal e como aputou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, e desenvolveuse en colaboración tanto co propio centro educativo como coa Anpa, aos que a edil agradeceu a súa colaboración.
O mural ten unhas dimensións aproximadas de 3,5 metros de altura x case 3 de ancho e representa unha escola da que saen nenas e nenos con ás, voando, e libros. Leandro Lamas explicou que nos vindeiros días será el mesmo o encargado de dar o remate a este mural, pintando nomes de autoras e autores galegos. Tanto o artista naronés como a Anpa do centro valoraron esta iniciativa, que logrou implicar a todo o alumnado do colexio de Piñeiros.
Pola súa parte, a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, recordou que esta actividade tamén se enmarcou no programa conmemorativo do Día das Letras Galegas, celebrado o pasado día 17, a través da proposta municipal de Apoio educativo aos centros.