A CONCELLEIRA DE TURISMO ANIMA Á VECIÑANZA A PARTICIPAR NO "IX CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CIDADE DE NARÓN"
A edil Natalia Hermida anunciou a aprobación das bases deste certame, que se poden consultar na páxina web do Concello de Narón
Narón, 6 de xullo de 2018. A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, anunciou a aprobación das bases da novena edición do Concurso de Fotografía Cidade de Narón. O prazo para poder presentar imaxes a este certame abrirase o vindeiro mes de setembro, pero a edil naronesa animou á veciñanza a consultar o contido das mesmas para poder aproveitar tamén a tempada estival de cara a realizar e seleccionar as fotografías coas que queren optar aos premios deste concurso.
A convocatoria diríxese a persoas maiores de idade e as imaxes deben reflectir a riqueza de Narón, na área patrimonial ou na monumental, arqueolóxica, en materia de espazos naturais de interese, de lecer, cultura, tecnoloxía ou festas populares. O concello de Narón ten que ser o espazo recoñecible a través dalgún elemento destas fotografías, subliñou Hermida, que apuntou que se repartirán un total de 1.200 euros en premios o primeiro de 750, o segundo de 300 e o terceiro de 150-. Un xurado especializado concederá ata un máximo de 30 puntos a cada unha delas, valorando a súa calidade técnico-artística, a orixinalidade e o grao de representatividade do Concello (con ata 10 puntos en cada un destes criterios).
As fotografías, que deberán presentarse con pseudónimo, deberán entregarse no Rexistro do Concello (Praza de Galicia, s/n; CP: 15570, Narón) entre as 8.30 horas do 17 de setembro e as 13.00 horas do 28 de setembro, tal e como apuntou a responsable da área de Turismo da cidade.
Hermida recordou que as doce imaxes con máis puntuación ilustrarán o calendario de sobremesa que o Concello editará para o ano 2019. A edil naronesa convidou ás persoas interesadas en participar a aproveitar as múltiples actividades culturais, deportivas, festas e outras propostas de lecer que se desenvolverán entre este mes de xullo e o vindeiro setembro na nosa cidade para realizar as fotografías para presentar a este certame, que cada ano conta con máis participantes, non só de Narón senón tamén procedentes doutros concellos.
As persoas interesadas en consultar as bases completas desta convocatoria poden facelo a través da páxina web do Concello de Narón, no enlace: http://www.naron.es/web/docs/BasesIXConcursoFotografia.pdf ou no Boletín Oficial da Provincial (BOP) do 6 de xullo, donde xa están publicadas. Para calquera aclaración sobre este concurso pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (ext. 1517).