Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PRESENTOU NO PAZO DA CULTURA O PROXECTO DE DINAMIZACIÓN DA ANGUÍA DO XUVIA
O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Gómez Fandiño, presentou a iniciativa acompañado pola xerente do GALP Golfo Ártabro Norte, María Antonia Fernández, e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Barallobre, Jorge López
Narón, 8 de novembro de 2018. O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Gómez Fandiño, presentou esta tarde no Café Teatro do Pazo da Cultura o Proxecto de Dinamización da Anguía do Xuvia. O edil estivo acompañado pola xerente do GALP Golfo Ártabro Norte, María Antonia Fernández, e polo patrón maior da Confraría de Pescadores de Barallobre, Jorge López. Veciños e veciñas da cidade e representantes da corporación local asistiron a esta convocatoria, aberta ao público en xeral, e que rematou cunha degustación de dúas propostas culinarias con anguía entre os seus ingredientes. Na súa intervención Fandiño recordou que o proxecto de Dinamización da Anguía do Xuvia parte do ano 2016 e que comezou a desenvolverse no ano 2017 e continuou este ano a través dunha subvención do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP) de preto de 43.000 euros. A maiores desta contía o Concello promoveu varias accións encamiñadas a dinamizar este produto. Fandiño destacou “as cualidades culinarias deste peixe azul e tamén a importancia da recuperación da súa captura e consumición en canto aos sectores hostaleiro e pesqueiro se refire”. O edil aludiu ao traballo realizado polo seu predecesor no cargo, o edil Pablo Villamar, e agradeceu o labor de todas as persoas que se implicaron para que este proxecto sexa unha realidade. Trala intervención de Gómez Fandiño proxectouse un vídeo no que se daba conta do traballo de campo realizado para a posta en marcha desta iniciativa, da creación da marca “Anguía do Xuvia” e das “Xornadas da anguía”, cuxa última edición tivo lugar o pasado mes de outubro, dos días 19 ao 21 e do 26 ao 28 e nas que participaron varios restaurantes da localidade. O patrón maior da Confraría de Barallobre e a xerente do GALP Golfo Ártabro Norte tamén destacaron a importancia de recuperar o peso que tiña a anguía do Xuvia en Narón e na comarca, un dos obxectivos deste proxecto. Antes de rematar o acto, un cociñeiro do restaurante A Roldana ofreceu aos asistentes a posibilidade de degustar dúas propostas culinarias a base de anguía: Anguía do Xuvia sobre o seu caldo e allobranco e Falsa empanada de anguía do Xuvia. Gómez Fandiño agradeceu a confianza depositada no proxecto de Dinamización da Anguía do Xuvia por parte do Grupo de Acción Local Pesqueira Golfo Ártabro Norte e tamén o respaldo que ao mesmo lle deron tanto os representantes da Confraría de Pescadores de Barallobre como os hostaleiros da cidade. Tivo tamén palabras de agradecemento o edil para as veciñas e veciños que asistiron ás diferentes accións convocadas desde o Concello e relacionadas con esta iniciativa. Finalmente, o edil avanzou o compromiso do goberno local para continuar traballando neste proxecto, do que se desenvolverán novas accións o vindeiro ano co fin de continuar recuperando as posibilidades gastronómicas da anguía do Xuvia.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal