Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PLENO APROBA O REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Once das quince AA.VV. naronesas danlle o seu respaldo, sumando máis de 33.000 habitantes representados
O Pleno Ordinario aprobou o novo Regulamento de Participación Cidadá, presentado pola Concelleira desa área, Natalia Hermida. O equipo de goberno someteu novamente a votación a aprobación do regulamento, que xa fora levado a Pleno o pasado mes de xullo, e que se deixou naquel momento en suspenso, a petición da oposición e dos veciños para engadir alegacións e novas propostas. A mediados deste mes, Natalia Hermida presentou en Xunta de Portavoces, un informe sobre o regulamento no que daba conta da situación do mesmo e no que se contiñan xa todas as propostas de PSDEG-PSOE e BNG. Da mesma maneira, mantivéronse ó longo destes meses conversas e xuntanzas coas distintas asociacións veciñais do municipio para confeccionar o texto final, que obtén o apoio de once das quince existentes, sumando un total de más de 33.000 habitantes representados, aproximadamente o 90% da poboación de Narón. A Concelleira de Participación Cidadá afirmou que na redacción do regulamento “tivéronse en conta as suxestión das diversas entidades sociais do termo municipal” rexeitándose aquelas pretensións que, ou ben se opoñían á lexislación en vigor, ou ben, xa tiñan debida regulación no texto aprobado. “Asemade”, engadiu a Edila, “na elaboración do documento introducíronse todas as aportacións e suxestións dos grupos políticos con representación municipal”. O Concello de Narón, a través deste Regulamento de participación cidadá, revela o seu compromiso ante os/as cidadáns/ás para fomentar a participación democrática e a transparencia nos asuntos públicos locais, facilitando e promovendo a participación dos/as veciños/as e entidades cidadás na xestión municipal, en relación ás facultades de decisión dos órganos municipais representativos. O Concello publicará este acordo no Boletín Oficial da Provincia e o exporá no taboleiro de anuncios da Corporación por prazo de trinta días, co fin de que os interesados lexitimados poidan presentar as suxestións ou mesmo alegacións que teñan por convenientes. Natalia Hermida definiu o momento como “idóneo para felicitarnos entre todos e todas” por acadar o documento que regulará a participación dos cidadáns e cidadás, “elemento imprescindible para a profundización da democracia”. O Pleno aproba o Plan de Obras e Servizos 2009 (POS 2009) O Pleno Ordinario aprobou tamén por unanimidade o Plan de Obras e Servizos para o ano 2009, un plan xeral que está a elaborar a Deputación Provincial para todos os concellos, correspondéndolle a Narón unha contía de 562.536,94 euros. Ó abeiro do establecido na Circular remitida por este organismo a tódolos Concellos da provincia da Coruña, os técnicos municipais redactaron diversos proxectos que continúan a política de mellorar a calidade de vida na zona rural coa creación dunha rede de comunicación con camiños ben pavimentados, e polo tanto máis seguros e rápidos, e complementando ou iluminando aqueles rueiros que non teñen iluminación pública ou que os seus puntos de luz son escasos para o volume de casas dos mesmos. O Concello comprométese a incluír no orzamento municipal do 2009 os fondos necesarios para facer fronte á achega municipal das obras incluídas na anualidade do 2009. Outros puntos da Orde do Día Noutra orde de cousas, o Pleno deu luz verde a dúas propostas de expropiación forzosa, unha para urbanización da rúa Pérez Lugín, e outra para a urbanización de vial de enlace entre a rúa Virxe de Covadonga e a rúa Roncesvalles. Así mesmo, aprobou o expediente de modificación de créditos nº1 do Padroado de Cultura. Isto é debido a que no desenrolo e execución do Orzamento Municipal corrente, observouse a inexistencia de crédito ou insuficiencia en determinada partida do Estado de Gastos para atender necesidades urxentes a cargo do Padroado de Cultura, de carácter inaplazable. E tamén unha proposta de concesión de bonificacións de taxas de suministro de auga, rede de sumidoiros e recollida de refugallos a tres usuarios de Narón. Por último, tamén obtivo votación positiva a modificación do artigo 21 da Ordenanza reguladora da venda ambulante, acometida á vista do crecemento que, dende a implantación da Ordenanza, veu experimentando o número de vendedores ambulantes no Feirón de Santa Icía, ata o punto que durante as horas do Feirón seria imposible o paso de vehículos de Emerxencias ás zonas do recinto, e que fixo necesario proceder á modificación daquela normativa fixando normas específicas para a axeitada celebración do devandito feirón, en canto as características dos postos e a súa instalación. Desta maneira, a lonxitude máxima dos postos será de 6 metros, agás os pulpeiros, non poderán sobrevoar en máis de dous metros a zona de rodadura da rúa, entre posto e posto deixarase o espazo suficiente para a circulación de persoas e non se poderán instalar postos de venda nas zonas de seguridade que serán delimitadas pola Policía Local. Mocións Cinco foron as mocións presentadas a Pleno e aprobadas. O PP e TEGA presentaron dúas mocións conxunta para instar, en primeiro lugar, ao Goberno da Xunta de Galicia a dispor os recursos económicos necesarios, dentro dos presupostos do ano 2009, para a realización dunha serie de obras no Concello de Narón como, entre outras, a construción dun centro de DIA para dependentes, dunha residencia Pública para Maiores, outro Centro de Saúde ou TDT e WIFI para todo Narón. E, en segundo lugar, ó Estado para recuperación do litoral do Concello de Narón, construción dunha rotonda na zona da Trincheira, desdobre da saída da autovía AP-9 rotonda Freixeiro, desdobramento da vía de FEVE Ponte das Cabras-Xuvia, pasarela sobre a vía de FEVE en Xuvia, recuperación das pontes sobre a vía de FEVE etc. Nas dúas, o Goberno Municipal puntualiza que o Concello, mediante os trámites precisos, habilitaría financiación para a realización das obras que se estimen de execución conxunta. Pola súa parte, TEGA presentou unha moción en apoio á manifestación convocada por AIPF para o día 23 de novembro, coa fin de esixir o cumprimento das promesas pendentes por parte do Executivo Central respecto ás infraestruturas da Comarca. Outra moción aprobada foi a presentada polo PP e o PSDEG-PSOE sobre a adopción de medidas relacionadas coa negociación sobre a Reforma do Modelo de Financiamento Local, na que os dous partidos piden, entre outras cousas, incrementar a proposta de previsións para o exercicio orzamentario do ano 2009 en relación á participación dos tributos do Estado polas entidades locais, e que se inclúa unha previsión de aumento do financiamento local con cargo aos orzamentos do ano 2009. E instan ó Goberno para que a futura Lei de Bases de Réxime Local aborde definitivamente a delimitación precisa das competencias dos Concellos, das Deputacións Provinciais,Consellos e Cabildos Insulares ao obxecto de evitar a situación actual de asunción de competencias impropias. A última moción aprobada partiu do PP e propón instar á Xunta de Galicia para que se amplíen as exencións no pago do imposto sobre sucesións e doazóns ata lograr na práctica, a supresión total deste gravame, como xa fixeron outras Comunidades Autónomas de España. Natalia Hermida explicou ante a petición do BNG de integrar a Aula de Ensaio de Narón na Rede Galega de Locais de Ensaio, que non hai sobre a mesa ningún Convenio por parte do organismo autonómico que garanta melloras, axudas ou intervencións na aula municipal, senón que se trataría máis ben de formar parte dunha rede que só aportará traballo administrativo ó Concello e unha clara restrición de autonomía. A Edila recordou que Narón conta cun local propio desde fai moitos anos, e que nunca obtivo ningunha axuda económica aparte da municipal, como seguirá a pasar aínda que entre a formar parte da Rede. Pola súa parte, o PP deu argumentos que anularon a moción do PSdeG-PSOE, sobre o traslado do estudo de cobertura á Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, xa que esta mesma mañá foi presentado ós medios de comunicación pola Concelleira de Novas Tecnoloxías, Paloma González, o estudo, que será reenviado en breve a ese organismo. Asemade, o portavoz popular afirmou, que se ben na moción do PSdeG-PSOE pedíase o sinal de TDT para a parroquia de O Val, ela está a traballar para garantila a todo Narón, urbano ou rural, e a todas as parroquias, porque goberna para todas, e non só para unha delas.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal