O CONCELLO INICIA A CAMPAÑA "A TÚA VELLA BICI VALE UN SORRISO" DE RECOLLIDA DE BICICLETAS E PATINETES
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, indicou que se poden entregar ata o 21 de decembro na Oficina de Educación Viaria do Concello e nos centros escolares da cidade
Narón, 27 de novembro de 2018. O Concello de Narón inicia un ano máis a campaña A túa vella bici vale un sorriso, de recollida de bicicletas que se doarán a persoas con escasos recursos. O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, indicou que as persoas que queiran colaborar poden doar as bicicletas tamén estáticas- e, este ano como novidade patinetes, ata o vindeiro 21 de decembro.
Os puntos de recollida das bicis e patinetes son a Oficina de Educación Viaria do Concello de Narón na entrada principal- e calquera dos colexios do termo municipal. O que si solicitamos a aquelas persoas que participen é que entreguen tanto as bicicletas como os patinetes no mellor estado de conservación posible, apuntou o edil, que explicou que o equipo de Educación Viaria e algúns voluntarios encargaranse igual que en anos anteriores de reparar aquelas que se entreguen con algún desperfecto.
As bicis e os patinetes doados entregaranse a familias con escasos recursos económicos, a través do Centro de Recursos Solidarios de Narón e tamén de Cáritas. Ás unidades que non se entreguen de cara á campaña de Nadal, no caso de que non se esgoten, trataremos de darlles saída nos centros escolares, para que as utilicen os docentes e tamén os nenos e nenas, en función do modelo, apuntou Sánchez Fojo.
O edil naronés animou ás familias de Narón ou doutros concellos a participar na campaña A túa vella bici vale un sorriso, co fin de que tanto as bicicletas como os patinetes que xa non utilizan nas súas casas poidan ter unha segunda vida ao entregarllas a persoas que non poden compralas e destacou que con iniciativas como esta pódese colaborar nunha nova campaña solidaria impulsada desde o Concello de Narón.