Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTINA 589.000 EUROS DO POS+ 2019 A UN CAMPO DE FÚTBOL DE HERBA ARTICIAL EN RÍO SECO E MELLORAS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA NO RURAL
As actuacións aprobáronse no transcurso dun pleno extraordinario celebrado no Concello
Narón, 19 de decembro de 2018. O Concello de Narón aprobou esta mañá nun pleno extraordinario, celebrado ás 10.00 horas, a proposta para participar no Plan Único dos Concellos (POS+ 2019) da Deputación da Coruña. O tripartito naronés (TEGA, PSOE e BNG) e o portavoz de EU aprobaron os investimentos a realizar con cargo a este plan provincial, entre os que está a construción dun campo de fútbol de herba artificial en Río Seco e tamén actuacións de mellora de eficiencia enerxética na zona rural. En conxunto os investimentos que cofinanciarán as administracións provincial e local suporán unha partida de 589.849,31 euros. A gasto corrente destinaranse 646.396,89 euros do POS+ 2019, o que supón unha partida global con cargo a este plan de 1.236.246,20 euros para a cidade. Os traballos de construción do novo campo de herba artificial, cuxo proxecto se dará a coñecer nos vindeiros días, están orzamentados en 488.408 euros, dos que a administración provincial sufragaría 418.332,51 e o Concello os 70.076,37 restantes. Respecto a esta actuación, o portavoz de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, explicou que se trata dunha obra necesaria na cidade. “Nos últimos anos está incrementándose o número de persoas que practican fútbol e temos un campo de herba natural en Río Seco con moita actividade, polo que ao construír o de herba artificial nunha parcela anexa poderemos darlle ao actual un tempo de descanso necesario para o coidado da herba natural, que precisa estar nas condicións óptimas para convocar partidos das categorías superiores”. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, lamentou que os edís do PP non votasen a favor da construción destas novas instalacións deportivas, recordando que eles mesmos propuxeron no seu programa electoral do ano 2015 a construción dun campo de herba sintética en Río Seco. No que respecta ás actuacións incluídas neste plan sobre melloras na eficiencia enerxética, están programadas nos alumeados de As Viñas (San Mateo); A Fraga (San Xiao) e Braña (Doso) e suporán un investimento en conxunto de 101.440,80 euros, dos que a Deputación sufragará 86.886 euros e o Concello os outros 14.554,62. En canto ao Plan Complementario do ano 2019, inclúese a ampliación da rede de saneamento no lugar de Ferrerías-Prados, na parroquia de Sedes, orzamentado en 554.236,77 euros. A maiores das propostas do Concello de Narón para o POS+ 2019 no pleno desestimáronse as alegacións presentadas a once ordenanzas fiscais, quedando aprobadas definitivamente, cos votos a favor do tripartito e do portavoz de EU. Do total, en dez casos tratábase de modificacións realizadas nas mesmas: Xeral de Xestión, recadación e inspección; Reguladora do Imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana; Reguladora da taxa de auga potable e das taxas por servizos prestados polo Servizo Sociocomunitario e pola prestación do de Axuda no Fogar; reguladora do Imposto de Bens Inmobles; do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras; a de Utilización de instalacións deportivas, a de Prestación dos servizos das escolas infantís municipais e a da Inmobilización de vehículos na vía pública e pola retirada, traslado e depósito de vehículos da vía pública. Así mesmo, aprobouse definitivamente a imposición e ordenación da ordenanza que regula a taxa pola prestación do Servizo de acompañamento a transportes especiais pola Policía Local. Todas elas entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2019.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal