Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO MANTÉN ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR NA ELABORACIÓN DE CINCO PROCEDEMENTOS MUNICIPAIS
As veciñas e vecinos interesados en colaborar poden facelo a través da plataforma virtual Narón Participa, donde deben rexistrarse previamente, tal e como recordou a concelleira de Participación Cidadá, Catalina García
Narón, 7 de xaneiro de 2019. O Concello, dentro do Plan Normativo aprobado polo pleno municipal para o exercicio de 2019, mantén aberto o prazo para participar na primeira das fases tendentes á elaboración de dous regulamentos e dúas ordenanzas municipais, denominada consulta previa. Así mesmo, nun novo paso no proceso participativo da cidadanía naronesa, a veciñanza poderá efectuar aportacións sobre o novo contrato do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria. En todos os casos os interesados poderán acceder aos expedientes a través da plataforma virtual Narón Participa –www.naronparticipa.es ou www.naronparticipa.gal-. Polo que atinxe ao Plan Normativo (previsión do conxunto de normas que se pretenden aprobar cada ano, excluíndo as materias organizativas internas e as orzamentarias ou fiscais) a concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, explicou que se trata nesta ocasión dos regulamentos de Participación Cidadá e o de Selección de persoal funcionario e interino e laboral temporal; e da ordenanza relativa á Regulación de uso de infraestruturas para servizos de banda ancha. Así mesmo preténdese contar cunha nova redacción dos Estatutos do Padroado de Deportes que substituirán aos actuais, que datan dos anos oitenta. A recolleita de propostas está tamén aberta para a ordenanza Reguladora do uso de infraestruturas para servizos de banda ancha (coa que se pretenden normativizar as condicións de uso das infraestruturas do Concello na zona rural, para que cumpran con tódalas garantías, e establecer un procedemento áxil de tramitación) e para o Regulamento de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal. Non obstante, e dada a trascendencia cidadá doutras dúas normas, o Concello acordou ampliar o prazo da fase de consulta previa e recollida de suxerencias e propostas respecto do futuro Regulamento de Participación Cidadá e dos Estatutos do Padroado de Deportes. O Regulamento de Participación Cidadá constitúe a ferramenta fundamental da que dispoñen a veciñanza e as entidades para relacionarse co Concello, sendo pretensión desta nova regulación adaptarse ás normativas aprobadas dende o ano 2009 –data do Regulamento anterior– e ás novas realidades sociais, incorporando unha serie de mecanismos que continúen apostando pola participación real das veciñas e veciños de Narón na intervención da xestión pública da cidade. Unha vez na plataforma Narón Participa, a través do enlace: https://www.civiciti.com/es/naron/homepage as veciñas e veciños poderán consultar, nos prazos avanzados na mesma, os borradores de cada un destes procedementos normativos. Finalmente, fora do Plan Normativo e seguindo outros exemplos de outras grandes cidades, o Concello acordou expoñer ao público e recoller suxerencias en relación ao expediente de contratación do servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza viaria da cidade. Neste caso están publicados na devandita plataforma de participación anteriormente sinalada os pregos administrativos e técnicos do servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria, así como a incoación do expediente de contratación. Este importante servizo, previsto cun importe máximo de 30,3 millóns de euros adxudicarase para os vindeiros dez anos –prazo estimado como mínimo polos técnicos municipais debido á necesidade de que o adxudicatario realice e amortice importantes investimentos e melloras-. Para poder participar activamente neste procedemento, as persoas interesadas deben rexistrarse na citada plataforma virtual, á que tamén se pode acceder desde a páxina web do Concello de Narón –www.naron.es- e desde o Portal de Transparencia municipal -https://naron.transparencialocal.gob.es/. É preciso que as persoas que participen teñan cumpridos 16 anos e estean empadroadas en Narón, se ben tamén poden facelo as asociacións que se consideren potencialmente afectadas polas normativas a aprobar e incluídas neste proceso. A concelleira de Participación Cidadá animou á veciñanza e entidades que cumpran os requisitos a participar, se así o consideran, neste proceso. “Entre todas e todos poderemos deseñar unha parte importante da normativa da nosa cidade, aportando a visión de diferentes particulares e colectivos nun procedemento aberto e no que persoal técnico valorará a viabilidade de cada unha das propostas que se formulen”, subliñou.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal