Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA E A EDIL DE BIBLIOTECAS ENTREGARON AS DISTINCIÓNS AOS USUARIOS E USUARIAS DE HONRA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL
Os recoñementos recaeron en dez persoas, nas categorías infantil e de adultos, que durante o pasado ano destacaron pola súa implicación con este servizo municipal
Narón, 12 de xaneiro de 2019. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, entregaron esta mañá as distincións de Usuarios e usuarias de honra da Biblioteca 2019 a dez persoas, nas categorías de infantil e adulto. Na primeira delas resultaron galardoados Jana Fernández Pérez, Francisco Freire Seijo, Bianca López Pereira, Fabián López Santiago e Icía Barreiro Gil. Así mesmo, na de adultos os recoñecementos –que se outorgan desde hai seis anos- foron para Celia Sabín Vázquez, Carmen Barros Castro, María del Carmen Piñón Ramil, Alberto Martínez Rodríguez e Juan Ibarra Paz. A alcaldesa destacou o feito de que con motivo da celebración do Día dos Usuarios e usuarias da Biblioteca, que se conmemora cada 11 de xaneiro, na cidade prémiase tanto aos nenos e nenas (de ata 14 anos) como aos adultos que destacaron pola súa especial implicación coa Biblioteca no ano anterior. Ferreiro e Taibo recibiron aos dez premiados á súa chegada ás instalacións do Alto do Castiñeiro, para a continuación dar comezo o acto, no que participaron tamén familiares e amigos das dez persoas homenaxeadas. Na súa intervención, a alcaldesa felicitou de antemán aos premiados e animounos a continuar facendo uso das instalacións municipais tanto da Biblioteca como da Axencia de Lectura da Gándara e a Ludoteca da Solaina. Ferreiro destacou a labor que se desenvolve ao longo do ano nestes tres centros, así como a variedade de servizos que se prestan ás veciñas e veciños de Narón e comprometeu o respaldo do Concello para continuar ampliando as propostas e fondos que se ofrecen desde estas instalacións, ao tempo que agradeceu o traballo do persoal dos centros e o compromiso e implicación dos usuarios e usuarias. Na categoría infantil, durante o acto explicouse que Francisco Freire fíxose socio da Biblioteca no ano 2017 e o pasado ano foi o segundo menor con máis préstamos, mentres que Jana Fernández e Bianca López superaron entre as dúas os 200 libros lidos en 2018, asistindo tamén Bianca a máis da metade das actividades infantís que se ofreceron a través do programa municipal Biblioespazo 2018. Así mesmo, Icía Barreiro e Fabián López participaron tamén en múltiples actividades tanto da Biblioteca como da Axencia de Lectura da Gándara. En canto á de adultos, Carmen Castro é a usuaria de honra con máis antigüidade como socia, dándose de alta nove días despois de que se inaugurase o centro –daquela aínda localizado na antiga Casa da Cultura- no ano 1986. Resultaron tamén distinguidos Celia Sabín, con 15 anos como usuaria e participante activa das instalacións; Juan Ibarra, que tódolos meses se desprazou á Biblioteca para utilizar os seus servizos; María del Carmen Piñón, fiel usuaria do servizo de préstamo, e Alberto Rodríguez, participativo tamén nas actividades e que representa a un novo perfil de usuarios deste tipo de centros, máis diferenciado do tradicional. A concelleira de Bibliotecas tamén se dirixiu aos asistentes para felicitalos antes de proceder á entrega de diplomas e agasallos ás dez persoas distinguidas hoxe. Trala entrega das distincións os homenaxeados realizaron unha fotografía de grupo en recordo desta homenaxe.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal