Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA E A EDIL DE TURISMO REUNÍRONSE CON REPRESENTANTES DA AVV A NAVEIRA PARA DAR A COÑECER A SINALIZACIÓN E AS AUDIOGUÍAS DA RUTA DOS MUÍÑOS
A rexedora local, Marián Ferreiro, explicou que nesta ruta, duns catorce quilómetros, se instalaron paneis informativos con audioguías nun total de dez elementos localizados en varias parroquias da cidade
Narón, 23 de xaneiro de 2019. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, desprazáronse hoxe ata o muíño de Pedroso e a ponte de Pielas, en Doso, xunto con dous representantes da AVV A Naveira, José Luis Merlán e Severo Castro, para ver o funcionamento do sistema de sinalización e audioguías instalado na Ruta dos Muíños. Ferreiro e Hermida estiveron cos representantes da citada entidade veciñal de Doso xunto ao muíño de Pedroso, nas inmediacións do de Gradaílle e na Ponte de Pielas, tres dos elementos incluídos nesta Ruta dos Muíños. Desde a entidade veciñal de Doso amosaron a súa satisfacción polo traballo realizado desde o Concello e valoraron as opcións que ofrece esta sinalización de cara á promoción turística da parroquia e do concello en xeral”. A partir de agora, subliñou a alcaldesa, “tanto as veciñas e veciños de Narón como calquera persoa chegada doutros concellos que pasee por esta zona poderá coñecela máis en profundidade cos paneis informativos e facendo uso das audioguías, en tres idiomas, polo que desde o goberno local estamos moi satisfeitos co traballo realizado”. A Ruta dos Muíños cubre un tramo duns catorce quilómetros, entre Xuvia e Doso, por unha zona na que se localizan varios muíños e enmarcada na Rede Natura. As persoas que o desexen terán a oportunidade de, a través das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, coñecer máis polo miúdo esta ruta da cidade, hoxe sinalizada e dotada duns códigos QR que se poden escanear desde o móbil para recibir, unha vez en cada panel, as pertinentes indicacións sobre os elementos sinalizados”, explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro. Para facelo é preciso descargarse previamente unha aplicación de códigos QR no teléfono para ler os códigos dos paneis que redireccionan á páxina web de Turismo do Concello –www.turismonaron.es- desde donde se poden escoitar as audioguías ou consultar as rutas ou recursos turísticos dispoñibles. O mosteiro de San Martiño de Xuvia (O Couto), o muíño das Aceñas (Xuvia), o magnolio centenario e o muíño de Xuvia, a Presa do Rei, o muíño de Entrerríos, a ponte romana de Pielas (Doso), a Fonte de Odín, a antiga igrexa de Doso e a área recreativa de Pedroso figuran neste proxecto. Na páxina web de Turismo do Concello -http://turismo.naron.es/gl/conece-naron/que-visitar/rutas/ruta-dos-muinos- ou nas inmediacións destes elementos a través dos códigos QR pódense escoitar, en galego, castelán e inglés, unhas explicacións sobre cada un destes dez puntos de interese. Tamén a través da web se ofrece á cidadanía a opción de descargar un plano da Ruta dos Muíños, que se pode facer a pé –catro horas de media- ou en bicicleta –sobre dúas horas-, cunha dificultade calificada como media. A edil de Turismo, Natalia Hermida, valorou o traballo realizado e tamén as oportunidades que representará de cara a impulsar este sector na cidade. Ferreiro recordou que a finais do ano pasado o Concello e a Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, asinaron un convenio de colaboración para cofinanciar un investimento duns 24.000 euros, con cargo ao que se realizaron os traballos de instalación de paneis explicativos e balizas de seguemento en distintas zonas desta ruta. As administracións autonómica e local realizaron o investimento co fin de mellorar as infraestruturas turísticas da cidade, obxectivo este último do acordo rubricado entre as partes. “Estas audioguías serán unha realidade tamén noutras rutas e elementos da nosa cidade, como a Pena Molexa ou o Monte da Lagoa, e a maiores continuaremos destinando importantes investimentos tanto á difusión como á conservación do patrimonio, tendo entre as actuacións máis inmediatas proxectos como a rehabilitación do muíño de Xuvia”, avanzou a alcaldesa, Marián Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal