Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA DESPRAZOUSE ÁS VIVENDAS DA MARIÑA TRALO INICIO DAS OBRAS DE HUMANIZACIÓN QUE SUPORÁN UN INVESTIMENTO DE 500.000 EUROS
Marián Ferreiro comprobou o inicio da primeira fase da actuación e explicou que a segunda está actualmente en proceso de licitación
Narón, 16 de febreiro de 2019. O Concello de Narón destinou unha partida de 126.342 euros a acometer os traballos da primeira fase da humanización de viais nas Vivendas da Mariña de Santiago Apóstol. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, visitaron a zona na que se executa desde hai uns días parte desta actuación urbanística que, tal e como indicou a rexedora local, “permitirá renovar as beirarrúas, ancheándoas, e tamén reparar os viais para que o espazo sexa totalmente accesible”. Esta primeira fase do proxecto contempla obras na rúa paralela á estrada de Castela e nas rúas Illa San Vicente e Illa Creba. A rexedora local asegurou que “os traballos están avanzando a moi bo ritmo co que a humanización deste núcleo de vivendas será moi axiña unha realidade á espera de que se contrate e acometa a segunda fase das obras, actualmente en proceso de licitación e que en conxunto suporán un investimento duns 500.000 euros”. Operarios da empresa adxudicataria destes traballos demoleron esta semana un tramo das beirarrúas do vial paralelo á estrada de Castela para executar unhas novas de formigón. Estas tarefas complementaranse coa elevación do vial de circulación ata a cota das beirarrúas, co que tal e como se deseñou no proxecto, permitirá formar unha plataforma única. “Con esta intervención apostamos por dar preferencia en todo momento aos peatóns, tendo en conta que o tráfico de vehículos na zona non é intenso, polo que se ampliará o espazo das beirarrúas”, explicou a alcaldesa. “As tarefas –indicou- completaranse coa plantación dun total de dezaseis árbores, así como a sinalización da zona de preferencia peonil e de prazas de estacionamento e a instalación de mobiliario urbán (bancos e papeleiras)”. As Vivendas da Mariña construíronse na pasada década dos anos 50 e conservan o pavimento de adoquín nos viais interiores. “O Concello acometerá nesta zona un proxecto piloto que inclúe unha segunda fase, para actuar nas ruas Alfonso X El Sabio, Luis Pimentel e San Simón, cun proxecto que se atopa actualmente en proceso de licitación por un importe duns 412.000 euros”, apuntou Ferreiro. A alcaldesa destacou que “o compromiso do goberno local por avanzar na humanización da cidade supón un esforzo inversor moi importante e que permitirá destinar a estas dúas fases das obras nas Vivendas da Marina de Santiago Apóstol máis de medio millón de euros, unha contía que permitirá deixar a zona totalmente accesible e, a maiores, renovando servizos como o abastecemento e o saneamento”. “O goberno local continuará traballando nesta liña, facendo de Narón unha cidade máis inclusiva, accesible para todas as persoas e na que se reserve para os peatóns o máximo espazo posible, dándolles en todo momento prioridade sobre os vehículos sempre que sexa posible”, subliñou Ferreiro.

<<< Xaneiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es