O CONCELLO E ODEÓN CONMEMORAN O DÍA MUNDIAL DA AUGA CUN CIRCUÍTO DE EXPERIMENTOS DIRIXIDO A RAPACES E RAPAZAS
A proposta, que presentaron a alcaldesa, Marián Ferreiro, o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, e a xerente de Odeón, Cristina Imaz, terá lugar mañá pola tarde nas instalacións de Odeón
Narón, 22 de marzo de 2019. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, presentaron esta mañá xunto coa xerente do Centro Comercial Odeón, Cristina Imaz, os actos cos que se conmemorará o Día mundial da Auga na cidade. Con motivo desta data organizouse un ano máis en Odeón unha xornada adicada aos rapaces e rapazas que se desenvolverá entre as 18.00 e as 20.00 horas. Para participar tan só será preciso dirixirse á plazoleta central na que terá lugar a actividade e facilitar uns datos para poder realizar as diferentes propostas, tal e como se indicou desde a organización.
Científicos de Ciencia Divertida encargaranse de organizar un completo circuíto de actividades dirixidas ao colectivo, todas elas vencelladas coa auga. Os rapaces e rapazas terán a oportunidade de adquirir unha serie de coñecementos e, ao mesmo tempo, realizar experimentos científicos moi divertidos, adaptados ás súas idades e que espertarán a súa curiosidade pola ciencia, avanzou Ferreiro. A alcaldesa da cidade e a xerente de Odeón convidaron aos rapaces e rapazas a participar nesta actividade, de balde e na que se lles entregará como agasallo unha botella reutilizable.
Cristina Imaz destacou tamén que ao tempo que se trata dunha actividade lúdica estes experimentos axudan a concienciar sobre a importancia da auga no planeta e a tamén a importancia de que a coidemos.
¡Coidado! Non potable é o título do primeiro experimento, relacionado coa química e no que se amosará a necesidade de potabilizar a auga e tamén de economizar o seu consumo. Así mesmo, haberá unha segunda proposta, de carácter físico, ¡Coidado! Desxeo, na que se amosarán as consecuencias do quentamento global e a contaminación. Finalmente, os asistentes terán a oportunidade de comprobar en primeira persoa que o corpo humán é un circuíto divertido. Para iso axudaranse do xerador de electricidade estática Van de Graff para experimentar unha serie de reaccións que lles explicarán os científicos de Ciencia Divertida. Os rapaces e rapazas realizarán o circuíto de experimentos en grupos durante un tempo aproximado de vinte minutos.
Ferreiro destacou a importancia de concienciar á poboación en xeral e, en particular con esta actividade aos nenos e nenas, sobre a necesidade de facer un uso responsable e racional da auga.