Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONVOCA COAS FAMILIAS E A ANPA DO CRA UN NOVO ACTO PARA URXIR Á XUNTA A CONFIRMACIÓN DA REAPERTURA DA ESCOLA DE PEDROSO
Representantes do goberno local, coa alcaldesa en funcións, Marián Ferreiro, á fronte, participarán no acto programado mañá pola tarde na escola de Pedroso
Narón, 10 de xuño de 2019. O colexio de Pedroso acollerá mañá martes un novo acto reivindicativo urxindo á Xunta a confirmación da reapertura da citada escola. O Concello, en colaboración coas familias e a ANPA do CRA, programou esta convocatoria, que dará comezo ás 19.00 horas no patio do centro, cunha batukada a cargo do grupo ConcienciArte. A sesión desenvolverase no patio do colexio de Pedroso e poderán asistir todas as persoas que queiran respaldar a reapertura do citado centro de ensino. Así mesmo, sobre as 19.30 horas, os nenos e nenas que acudan e as súas familias realizarán unha pancarta na que reivindicarán tamén a reapertura da escola de Pedroso. A alcaldesa en funcións da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira en funcións de Ensino, Mercedes Taibo, acudirán a esta nova cita reivindicativa, á que tamén asistirán outros representantes do goberno local naronés. A maiores do respaldo ás convocatorias que nas últimas semanas se levan a cabo na escola de Pedroso, Marián Ferreiro remitiu un novo escrito á Consellería de Educación para urxir á titular da área, Carmen Pomar, “que comunique canto antes ás familias a reapertura do centro, ante a inminente apertura do prazo de formalización das matrículas do curso 2019/2020, o vindeiro día 20 de xuño”. A alcaldesa en funcións recordou que este ano o centro conta xa con seis menores matriculados para o vindeiro curso escolar “e, a maiores, coa garantía de que para o curso 2020/2021 habería sete novas matrículas entre menores das parroquias de Pedroso e Doso, as que teñen de referencia este centro, e cun censo para dentro de tres anos de nove nenos e nenas máis, o que reflicte a demanda das instalacións e constata o cumprimento do requisito esixido pola Xunta para manter abertas estas escolas, cun mínimo de seis menores”. “É urxente que as familias que solicitaron praza na escola de Pedroso teñan coñecemento oficial da súa reapertura, xa que en función do centro no que se matriculen teñen que realizar os trámites correspondentes á escolarización e tamén solicitude de axudas de estudos, para material escolar…”, recordou Ferreiro. A alcaldesa en funcións da cidade recordou que o Concello impulsou unha campaña de recollida de sinaturas que se entregaron a pasada semana –un total de 1.629- no edificio administrativo da Xunta en Ferrol, dirixidas á conselleira de Educación e reclamando a reapertura da escola de Pedroso. Ferreiro destacou “o traballo que están realizando as familias e o apoio da veciñanza para que esta escola continúe aberta no rural naronés, unha reivindicación que conta con todo o apoio do goberno local, dende donde continuaremos facendo todo canto estea na nosa man para reclamar esa reapertura da escola”. Así mesmo, no escrito remitido á conselleira de Educación Marián Ferreiro recordoulle que continúa á espera –dende hai oito meses- de que se fixe unha data para abordar diferentes temas relacionados coa área de Ensino en Narón, solicitando que se concrete esa data á maior brevidade.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal