Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DUN CENTENAR DE POSTOS E DECENAS DE ESPECTÁCULOS CENTRAN O PROGRAMA DO MERCADO MEDIEVAL DE NARÓN
O evento, organizado polo Concello e presentado esta mañá polo edil de Feiras e Mercados, Santiago Galego, terá lugar este venres, sábado e domingo no Parque fluvial de Freixeiro
Narón, 2 de xullo de 2019. O Mercado Medieval organizado polo Concello de Narón celebrarase esta fin de semana, dende o venres ata o domingo, no Parque fluvial de Freixeiro. O concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, presentou esta mañá o programa, que inclúe unha gran variedade de propostas e tamén algunhas novidades con respecto a anteriores edicións. O edil naronés avanzou que se instalarán no parque un centenar de postos propios deste tipo de eventos, nos que se poderán adquirir diferentes produtos artesáns, gastronómicos, e obxectos decorativos, e tamén haberá postos de gastronomía, entre outros. Galego destacou que haberá espectáculos para todo tipo de públicos e incidiu en que se trata “dun evento consolidado e que ano tras ano vai incrementando tanto o número de postos e espectáculos como de público”. O horario será o venres a partir das 18.00 ata as 00.00 aproximadamente, e o sábado e o domingo de 11.00 a 14.00 e dende as 18.00 ata as 00.00 horas, cando se prevé que rematen os últimos espectáculos. Unha das novidades da programación deste ano será, tal e como avanzou o edil de Feiras e Mercados, “un gran torneo medieval, onde os cabaleiros recrearán pelexas a pé e a cabalo, con lanza e espada, e onde terán a oportunidade de medir as súas forzas e habilidades, sendo este un dos grandes atractivos do programa do Mercado Medieval de Narón”. Este gran torneo poderá verse o sábado a partir das 13.00 e pola tarde ás 18.30 e tamén o domingo, ás 13.00 e ás 20.00 horas. Na xornada do venres o Mercado Medieval abrirá ás 18.00 horas e a partir das 18.30 haberá un pasarrúas musical con Treefolk con acrobacias e piruetas, personaxes fantásticas percorrendo o parque, e outras propostas que rematarán tras un espectáculo de lume, circo e aéreo para despedir a noite, a partir das 22.00 horas. Na xornada do sábado o Mercado Medieval reabrirá ás 11.00 horas, e será tamén Treefolk o encargado do pasarrúas que a partir das 11.30 animará este evento no Parque fluvial de Freixeiro. Faunos percorrendo o mercado, espectáculo de Human no Limits, trasgos, personaxes fantásticos, a roda alemana, e un monxe polo mercado completarán a programación que culminará co espectáculo aéreo e de lume previsto a partir das 22.30 horas. Finalmente, o domingo reabrirá ás 11.00 para dar paso a un pasarrúas ás 11.30 e a continuación, durante a mañá, sucederanse espectáculos de faunos percorrendo o mercado, a roda humana, un espectáculo aéreo e outras propostas ata as 14.00 horas, que haberá un descanso para xantar. Ás 18.00 volverán a abrir os postos e tamén continuará a música, os personaxes fantásticos percorrendo o Mercado, torneo e, finalmente, a partir das 22.00 horas, haberá un gran pasarrúas no que participarán tódalas compañías e que rematará cun espectáculo con número aéreo, lume, acrobacias e telas. No Parque do río Freixeiro habilitarase, tal e como explicou o edil naronés, un espazo infantil no que haberá mesas de xogo, unha noria, sillas voadoras e tamén unha zona para exposicións de artesáns, na que entre outras propostas se poderán ver traballos realizados con corcho, esparto, lá e outros produtos. Os nenos e nenas terán tamén a oportunidade de iniciarse no arte da arquería, coa axuda do “maestro arqueiro” Regino. O concelleiro agradeceu á anterior edil de Feiras e Mercados, Mar Gómez, o traballo realizado na organización deste evento. Así mesmo, animou á cidadanía a acudir a este evento, co fin de pasar “unha fin de semana apaixoante e cargada de actividades e sorpresas”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal