Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE 2.200 ESPECTADORES ACUDIRÁN ESTA FIN DE SEMANA ÁS FUNCIÓNS DA COMEDIA "UNHA NOITE NA PRAIA"
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou o "éxito de acollida" da programación do último cuadrimestre do ano no Pazo da Cultura
Narón, 12 de setembro de 2019. O Pazo da Cultura de Narón acollerá mañá o primeiro dos espectáculos programados dende o Padroado da Cultura para o último cuadrimestre deste ano. Esta programación retomarase con tres funcións da comedia “Unha noite na praia”, que colgaron xa hai varias semanas o cartel de “completo”. Un total de 2.264 persoas acudirán como público o venres, sábado e domingo ao Pazo para ver aos cómicos galegos Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, protagonistas de “Unha noite na praia”. Durante hora e media os espectadores desta comedia coñecerán a dous personaxes moi distintos, o sueco Klaus, e Manuel, un home galego que traballa nun chiringuito dunha praia. Chegada a noite, Manuel, o camarero, quere marchar para a súa casa a durmir tras un intenso día de traballo, pero o cliente, Klaus, pídelle que lle poña a última cervexa. Mentres toma a consumición os dous contarán unha serie de historias recordando parte das súas vidas. O Padroado da Cultura programou tres pases desta comedia, o primeiro deles mañá ás 20.30 horas; o segundo o sábado ás 20.00 e un terceiro o domingo ás 19.00 horas. Unha vez máis, ao igual que pasara na representación de “Somos criminais”, Touriñán e Blanco colgaron en cuestión de poucas semanas o cartel de “completo” no Pazo da Cultura. Este mesmo mes de setembro continuará a programación co recital poético-musical “De abrentes e ocasos”, que terá lugar o vindeiro 20 de setembro, ás 20.30 horas, no Café Teatro do Pazo da Cultura. A compañía Teatro do Atlántico trae a Narón este espectáculo, no que participan María Barcala, Aleixandre Lago e Xulio Lago. As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos). Na xornada do 28 de setembro terá lugar ás 20.00 horas a representación da obra de teatro “Viejo amigo Cicerón”, de Teatro Romea e o Festival Internacional de Teatro de Mérida. A nova produción de Teatro Romea para este ano ofrece un relato biográfico dramatizado da figura deste histórico orador, situando ao espectador na antiga Roma. Os actores José María Pou, Bernat Quintana e Miranda Gas forman parte do elenco desta obra, escrita por Ernesto Caballero. As entradas teñen un prezo de 22 euros para o público xeral e de 15,50 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos). A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro destacou “o éxito que un ano máis esta tendo a programación deseñada dende o Padroado da Cultura, que non podía retomar a súa actividade no Pazo con mellores datos que colgando o cartel de completo para as tres primeiras funcións, reunindo a máis de 2.200 persoas”. A programación deste cuadrimestre do ano pode consultarse ao completo a través da web do Concello –www.naron.es- e do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es-.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal