O CICLO "TEMPO DE MÚSICA" CONTINÚA ESTE DOMINGO NO COUTO COA ACTUACIÓN DAS CORAIS POLIFÓNICAS "DON DIEGO DE MUROS" E "AIRIÑOS DA CAPELA"
O Padroado da Cultura de Narón colabora coa Asociación de Veciños do Couto neste evento, que terá lugar cada domingo deste mes de outubro no local social da Picota
Narón, 3 de outubro de 2019. O Padroado da Cultura de Narón colabora un ano máis co ciclo Tempo de música, organizado pola Asociación de Veciños do Couto e no que tamén colaboran a Deputación da Coruña e a Federación Coral Galega. O ciclo, que este ano alcanza a súa vixésimo oitava edición, inclúe un total de cinco actuacións, das que a segunda terá lugar este mesmo domingo, día 6, a cargo das corais polifónicas Don Diego de Muros e Airiños da Capela. A cita será cada domingo, ata o 27 deste mes, ás 18.00 horas no local social da Picota, no Couto, tal e como indicou o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo.
O día 13 de outubro será o turno da coral polifónica San Xoán de Serres, de Muros, e da coral polifónica CPS San Valentín, de Fene. Na xornada do 20 deste mes actuará a coral polifónica Santa María de Cambre, de Cambre (A Coruña), e a última actuación do ciclo, o día 27, correrá a cargo da agrupación Culpables, de Neda, e da coral Amistad, da Asociación de Veciños do Couto.
O edil de Cultura animou á veciñanza a asistir a estas actuacións musicais, todas elas de balde e nas que un ano máis participarán recoñecidas formacións musicais.