O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, anunciou que a campaña estará operativa dende o 18 de novembro ata o 18 de decembro
Narón, 14 de novembro de 2019. A Concellería de Seguridade Cidadá, presidida polo edil Román Romero, convoca un ano máis a campaña A túa vella bici vale un sorriso. A través do Equipo de Educación Viaria do Concello, do que forman parte os axentes Pedro Caneiro e Sonia López, a partir do vindeiro luns, día 18, e durante un mes, ata o 18 de decembro, recolleranse no Concello na Oficina de Educación Viaria, na planta principal- e nos centros educativos da cidade bicicletas tamén estáticas- e patinetes que se entregarán a familias con escasos recursos económicos a través do Centro de Recursos Solidarios de Narón.
O concelleiro de Seguridade Cidadá solicitou ás persoas que poidan participar nesta campaña que entreguen tanto as bicicletas como os patinetes no mellor estado de conservación posible, indicando que o propio persoal de Educación Viaria, xunto con voluntarios, encargarase de realizar reparacións no caso de que presenten algún desperfecto.
Ás bicicletas e patinetes que non se entreguen de cara á campaña de Nadal ás familias, no caso de que non se esgoten, entregáremolas nos centros escolares da cidade que o soliciten, para que as poidan utilizar tanto os nenos e nenas como os docentes, dependendo dos modelos, explicou Romero.
O edil naronés animou ás veciñas e veciños de Narón e tamén doutros concellos a participar nesta iniciativa a través da que podemos darlles unha segunda vida a esas bicicletas e patinetes que xa non utilizamos pero que aínda están en bo estado.