A CONCELLEIRA DE BENESTAR SOCIAL PARTICIPOU NO ENCONTRO ORGANIZADO POLO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE
O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía culminou os primeiros pasos para a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ODS
Narón, 15 de novembro de 2019. A concelleira de Benestar Social e representante do Concello no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Catalina García, xunto con outros representantes de Galicia, Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde e máis Sao Tomé e Príncipe, participaron no encontro organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co obxectivo de achegar a realidade dos países de fala portuguesa aos municipios galegos e compartir reflexións e experiencias sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU.
Máis de 80 persoas asistiron a estas xornadas que tiveron lugar os días 12 e 13 de novembro na Escola Galega de Admnistración Pública. Nestes encontros puxéronse de manifestó diversas necesidades, como as de acadar a igualdade de xénero no liderado político, os desafíos que afrontan os municipios na localización dos ODS coa busca de solucións locais a problemas globais.
Temas sobre Boas prácticas da gobernanza local a prol dos ODS para compartir e cooperar, Experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa, Alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona para traballar a prol do desenvolvemento sostible a través de proxectos conxuntos, e os primeiros pasos para a creación dunha Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS foron os principais asuntos desenvolvidos nestas xornadas que remataron coa lectura da declaración Solidariedade alén da lingua que manifesta a vital importancia dos municipios na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.