ALUMNADO DOS IES AS TELLEIRAS E TERRA DE TRASANCOS ASISTIRÁ A UNHA CHARLA DO PROGRAMA "´NARÓN EN TRANSICIÓN"
O concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, recordou que a convocatoria se dirixe a alumnado de cuarto de ESO e terá lugar este xoves no IES Terra de Trasancos
Narón, 26 de novembro de 2019. As actividades enmarcadas no programa municipal Narón en Transición continuarán desenvolvéndose esta semana, concretamente o xoves, día 28. Así o recordou o concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, que explicou que durante esa xornada o salón de actos do instituto Terra de Trasancos acollerá unha charla sobre Cambio climático: revolución ou colapso. A convocatoria diríxese a alumnado de cuarto curso de ESO dos IES Terra de Trasancos e As Telleiras e terá lugar de 10.30 a 12.30 horas.
O divulgador científico e comunicador Xavier Fonseca será a persoa encargada de impartir esta charla. O cambio climático é a maior ameaza que afronta a humanidade en toda a súa historia. En qué momento estamos? É posible o colapso da civilización?. Deste xeito preséntase esta convocatoria, que continuará con outras propostas do programa Narón en Transición.
En decembro está prevista a realización dun obradoiro de reciclaxe dirixido ás familias de Narón e nos vindeiros meses convocaranse outros obradoiros, itinerarios e eventos de sensibilización medioambiental dirixidos ás veciñas e veciños da cidade, tal e como indicou o edil de Medio Ambiente.