Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÚSICA E TEATRO CENTRAN A PROGRAMACIÓN CULTURAL DESTA FIN DE SEMANA NO PAZO DA CULTURA E NAS PARROQUIAS DE PEDROSO E O COUTO
O músico Anxo Lorenzo presentará mañá o seu disco "Vórtex" no Pazo, donde o domingo haberá un espectáculo de teatro infantil, mentres que en Pedroso iniciarase o "III Memorial Andrés Castro de Teatro" e no Couto continúa a "XI Mostra de teatro amador"
Narón, 29 de novembro de 2019. A música folk tradicional centrará a proposta cultural da programación do Pazo da Cultura para mañá sábado. Ás 20.00 horas Anxo Lorenzo presentará o seu novo disco, “Vórtex”, un álbum composto en Galicia, Irlanda e Escocia que conta con colaboracións de recoñecidos profesionais do panorama musical folk e que combina a acústica experimental de traballos anteriores de Anxo Lorenzo. As gaitas galegas soarán no Pazo cun estilo libre en busca de novos sons e fusións xunto co violinista irlandés Eoghan Neff. Na xornada do domingo, 1 de decembro, o Pazo acollerá a representación do espectáculo “El viaje de Ulises”, da compañía Teatro Gorakada. Esta proposta diríxese a nenas e nenos a partir de 6 anos e dará comezo ás 18.00 horas. Deuses gregos que moraban no cume do monte Olimpo e gobernaban sobre os seres humáns protagonizan esta peza, na que se conta a historia da viaxe como metáfora da vida, a loita contra as dificultades e o xeito de resolvelas. Os protagonistas da obra vivirán varias aventuras e participarán en sesións de xogos compartidos. As entradas para os dous espectáculos desta fin de semana no Pazo poden adquirirse na billeteira das instalacións ou na web do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es- a un prezo de 9,50 euros para o público xeral, 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e 5,50 para menores de 14 anos. O teatro cobrará tamén especial protagonismo esta fin de semana na zona rural, concretamente nas parroquias do Couto e Pedroso. Nesta última parroquia, concretamente no local da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, desenvólvese o “III Memorial Andrés Castro de Teatro”, no que colabora o Concello de Narón coa S.C.R “A Pombiña”. No marco desta iniciativa representarase mañá a obra “Os líos do taxista”, da compañía Crucia Teatro, e o domingo “A tenda do convento”, do Grupo Xosé María Pérez Parallé. En ambos casos as representacións comezarán ás 19.00 horas e a entrada é de balde. Na parroquia do Couto continúa a “XI Mostra de Teatro amador” que contempla a representación o domingo, día 1, da obra “Relato traidor”, a cargo do Grupo de teatro DameCuerdaQueTeatro. O Padroado da Cultura de Narón colabora neste ciclo teatral, con representacións tamén de balde, a partir das 19.00 horas, no Centro Cívico Social do Couto.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal