O VINDEIRO LUNS ABRIRÁ O PRAZO PARA SOLICITAR A INSTALACIÓN DE POSTOS NO "XI MERCADO DE SEGUNDA MAN"
O concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, explicou que poderán solicitarse ata o 11 de decembro e avanzou que este ano o evento terá lugar na Praza de Galicia
Narón, 29 de novembro de 2019. O vindeiro luns, día 2 de decembro, abrirá o prazo para solicitar a instalación de postos no XI Mercado de Segunda Man que se celebrará o vindeiro 15 de decembro na Praza de Galicia, xunto ao Concello. Así o anunciou o concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, que incidiu en que está prohibida a venda de artesanía, animais, produtos alimenticios ou bebidas, dirixíndose ademais a convocatoria exclusivamente a particulares, non a comerciantes nin vendedores ambulantes.
Galego explicou que as solicitudes poderán formalizarse ata o 11 de decembro e indicou que se habilitarán un total de setenta postos, que se concederán por rigorosa orde de solicitude. As persoas interesadas en dispoñer dun dos postos deberán comprometerse a entregar catro quilos de alimentos non perecedoiros ou produtos de limpeza, que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. A montaxe dos postos será o día previo ao evento, na xornada do 15 de decembro, de 8.00 a 10.30 horas.
As solicitudes dos postos as inscricións son de balde- deben formalizarse a través do Rexistro do Concello, por correo certificado ao Rexistro coa instancia de solicitude debidamente cumprimentada ou a través da Sede Electrónica do Concello.
O XI Mercado de Segunda Man, que por primeiro ano cambia de ubicación, abrirá as súas portas entre as 10.30 e as 14.00 e dende as 16.00 ata as 19.00 horas.