Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A "XXXV MOSTRA DE TEATRO INFANTIL E XUVENIL" CHEGA ESTA SEMANA AO ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL
Os nenos e nenas das escolas infantís municipais de Piñeiros, A Solaina e A Gándara e da unidade de Infantil do colexio Santiago Apóstol verán esta semana a obra "Redondo" de Caramuxo Teatro
Narón, 10 de decembro de 2019. As tres escolas infantís municipais (A Solaina, A Gándara e Piñeiros) e a unidade de Infantil do colexio Santiago Apóstol acollen esta semana as representacións programadas no marco da “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” organizada polo Padroado da Cultura de Narón. A primeira das convocatorias desenvolveuse esta mesma mañá na escola infantil de Piñeiros, donde o alumnado de 0 a 3 anos asistiu ás sesións programadas ás 10.00 e ás 11.00 horas. Nesta ocasión representarase nos citados centros a obra “Redondo”, da compañía Caramuxo Teatro. As representacións –tamén con dúas funcións desa obra e ás mesmas horas- terán lugar tamén mañá mércores na escola infantil da Solaina, o xoves na da Gándara e, finalmente, o venres na unidade de Infantil do colexio Santiago Apóstol. En conxunto, uns 250 menores presenciarán nos seus respectivos centros estas representacións. O espectáculo “Redondo” ten unha duración aproximada de media hora. Mr. Round é o protagonista, unha persoa á que lle fascinan todo tipo de obxectos con forma de circunferencia e que un día atopará unha esfera de gran tamaño que agocha historias que sorprenderán aos nenos e nenas. As formas, as cores, os elementos da natureza, as partes do corpo, a expresión, as emocións e a música forman parte dos conceptos que se tratan con esta peza teatral dirixida á primeira infancia de Caramuxo Teatro, unha compañía de teatro infantil e familiar formada por Juan Rodríguez e Laura Sarasola que se constituíu na Coruña no ano 2003. Este espectáculo que se poderá ver esta semana con cargo á “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón" foi o mellor valorado polo público na programación “Vigo Cultura 2018”; foi seleccionado para “Galicia Escena PRO” e, a propia compañía, resultou seleccionada en FETEN 2018. A “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” iniciouse o pasado mes de novembro no Pazo da Cultura e contemplou tamén representacións no Auditorio municipal, instalacións polas que pasaron máis de 7.500 alumnas e alumnos de centros de ensino de Narón e comarca para presenciar a trintena de funcións programadas. A Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais colaboran nesta Mostra na que actuarán, en total, cinco compañías galegas: Piedras de cartón, Elefante Elegante, Contraproducións, Ghazafelhos e Caramuxo Teatro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal