Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E A ASOCIACIÓN MEMORIA HISTÓRICA DEMOCRÁTICA CELEBRARÁN VARIOS ACTOS CON MOTIVO DO "DÍA INTERNACIONAL DE CONMEMORACIÓN EN MEMORIA DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO"
Unha exposición sobre "Galegos en Mauthausen", un acto institucional no Concello e unha conferencia no colexio Ayala e no IES As Telleiras forman parte da programación
Narón, 17 de xaneiro de 2020. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Ensino, Mercedes Taibo, presentaron hoxe xunto co presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Pita, e co historiador Enrique Barrera, secretario da citada entidade, os actos que se levarán a cabo na cidade con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, que se conmemora cada 27 de xaneiro. O Concello colabora un ano máis coa Asociación Memoria Histórica Democrática na organización destes actos O vindeiro luns, día 20, procederase a inaugurar a exposición “Galegos en Mauthausen”, ás 19.00 horas. A mostra consta de imaxes e documentos propios da época e que se poderá ver na sala de exposicións da Biblioteca municipal ata o sábado 1 de febreiro, de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 13.00. Ao acto inaugural poderán asistir as veciñas e veciños que o desexen, que terán a oportunidade de escoitar as explicacións que dará sobre o material exposto o historiador Enrique Barrera. O luns día 27 deste mes celebraranse dúas propostas máis do programa. A primeira delas ás 11.00 horas na Biblioteca municipal, cando 25 alumnas e alumnos de cuarto curso de ESO do colexio Ayala e 18 de Bacharelato do IES As Telleiras participarán nunha visita guiada á exposición “Galegos en Mauthausen”, na que tamén estarán acompañados por representantes do goberno local e do historiador Enrique Barrera. Ese mesmo día, ás 12.00 horas celebrarase no Concello o acto institucional de acendido de velas en recordo das vítimas do Holocausto, iniciativa na que participará o alumnado dos citados centros de ensino da cidade. Neste acto que terá lugar no salón de plenos participarán tamén dous músicos da Asociación Cultural Musical Sementeira, aos que dende a organización se agradece a súa implicación neste evento. A programación inclúe a maiores unha conferencia, “Galegos en Mauthausen” que impartirá o historiador Enrique Barrera o día 21 deste mes no IES das Telleiras e nunha data aínda por determinar no colexio Ayala. Os representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática valoraron a colaboración do Concello de Narón e destacaron o feito de que cada ano son máis os concellos que se implican en organizar actos conmemorativos para recordar as vítimas do Holocausto, tal e como indicou Pita. Así mesmo, Barrera fixo un chamamento a asociacións e entidades da comarca interesados en programar algún acto para que contacten coa Asociación Memoria Histórica Democrática, dende donde ofrecen a súa colaboración para organizalos. “Os protagonistas son os rapaces e as rapazas en particular e a sociedade en xeral, aos que explicaremos esta parte da historia que comezou con casos puntuais de actos xenófobos e foi medrando ata rematar como rematou”, apuntou Barrera. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, convidou á veciñanza a visitar a exposición que se inaugurará o vindeiro luns na Biblioteca municipal “para coñecer unha parte da historia que non pode quedar no esquecemento e que todas e todos debemos coñecer co fin de condenar este tipo de feitos e rendir unha homenaxe aos diferentes colectivos vítimas do Holocausto, entre os que tamén había xente da nosa comarca”. Finalmente a rexedora local agradeceu o labor que realiza a Asociación Memoria Histórica Democrática.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal