Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONMEMORARÁ O "DÍA ESCOLAR DA PAZ E NON VIOLENCIA" COA REPRESENTACIÓN E PRESENTACIÓN DO LIBRO "NANA PARA UN SOLDADO"
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, avanzou que o vindeiro 30 de xaneiro máis de medio milleiro de alumnas e alumnos de colexios da cidade asistirán á representación teatral no Pazo da Cultura
Narón, 25 de xaneiro de 2020. O Concello organizou varios actos con motivo do Día escolar da Paz e non violencia, que se conmemora o 30 de xaneiro, coincidindo coa data do pasamento do político e activista pola paz Mahatma Gandhi, no ano 1948. As propostas organizadas para o vindeiro xoves con motivo desta xornada, tal e como explicou a edil de Ensino, Mercedes Taibo, diríxense principalmente a escolares da cidade, aínda que un dos actos estará aberto á participación do público en xeral. Máis de medio milleiro de escolares da cidade, concretamente 538 alumnas e alumnos dos CEIP da Solaina, A Gándara, Piñeiros, Ponte de Xuvia, Virxe do Mar, dos CPR Jorge Juan e Santiago Apóstol e da Escola do Val do CRA de Narón acudirán ao visionado da peza teatral “Nana para un soldado” que terá lugar o próximo 30 de xaneiro no Pazo da Cultura, ás 10.00 horas. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que o Concello de Narón habilitará os buses que desprazarán ao alumnado –de terceiro e cuarto curso de educación Primaria- ata o Pazo da Cultura e de regreso aos seus centros unha vez rematada a obra, sobre a que o alumnado traballou nas aulas a través dunhas unidades didácticas proporcionadas dende a área de Ensino. “Nana para un soldado” é unha obra da compañía Teatro dos Ghazafelhos, constituída en Ferrolterra no ano 2006 por Montse Piñón e Pepablo Patinho. Esta peza teatral relata o encontro de dous soldados inimigos no frente, que teñen que deixar a un lado as súas diferencias para facerse cargo dun pequeno imprevisto, o nacemento dun neno, tal e como indican dende a propia compañía. A guerra e a morte por un lado e a vida por outro servirán neste caso para ofrecer unha reflexión do absurdo das guerras e o necesario que son o entendemento e o respecto. Así mesmo, sensibilízase ao alumnado ao que se dirixe esta obra sobre a necesidade de vivir a vida dun xeito pacífico, fomentando os valores do respecto, a liberdade, empatía, igualdade, non violencia, tolerancia, cooperación… e reflexionando sobre a desigualdade de xénero e a importancia de evitar actitudes sexistas, facendo visible o papel das mulleres na sociedade actual. Entre a programación conmemorativa do Día escolar da Paz e non violencia o Concello organizou tamén para o vindeiro xoves, día 30, a presentación do libro “Nana para un soldado”, texto no que se basea a citada representación teatral. O acto dará comezo ás 18.00 horas na Biblioteca municipal e ao mesmo acudirá Pepablo Patinho, que realizará unha presentación dinámica desta obra para que as nenas e nenos gocen desta actividade. A presentación está aberta á asistencia do público en xeral e recomendada especialmente para o público infantil, tal e como apuntou Taibo, que animou ás familias da cidade a acudir ao acto.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal