O PAZO ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA A ESTREA DA OBRA "A CONQUISTA DA ESCOLA DE MADHUBAI" E O ESPECTÁCULO INFANTIL "CONTACREQUES"
O venres e o sábado terá lugar a representación teatral e o domingo será o turno do público familiar e infantil
Narón, 27 de febreiro de 2020. O Pazo da Cultura acollerá mañá e o sábado, ás 20.30 horas e 20.00 respectivamente, a estrea teatral da obra A conquista da escola de Madhubai, da compañía Teatro do Atlántico. Durante case unha hora e media o público terá a oportunidade de coñecer a historia de Sakundeba, unha bandida perseguida pola policía e o exército acusada de asasinar unha trintena de homes que a violaron tempo atrás e de asaltos a man armada. Ela chega á casa de Pandala, unha sabia anciá que a criou e na que confía e pídelle que a deixe quedar alí agochada durante uns días para poder meditar e tomar unha decisión que será trascendental na súa vida.
A conquista da escola de Madhubai constitúe un espello da sociedade na que se plantexa un debate sobre feitos de actualidade, como as manadas e outros temas como o dereito á educación, a rebeldía contra o maltrato, o concepto da liberdade e moitos outros. Os actores María Barcala, César Goldi e Sheyla Fariña forman o elenco desta obra. As entradas aínda disponibles poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura (www.padroadodecultura.es) a un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados e tarifas reducidas.
A proposta dirixida a público familiar e infantil (a partir de 3 anos) desta semana terá lugar o domingo da man da compañía Eme2 Emoción&Arte, que traerá ao Pazo o espectáculo Contacreques. A cita será ás 18.00 horas e trátase dunha proposta de monicreques de creación propia da citada compañía, con textos de Ricardo Combi baseados nos contos clásicos: O Reiseñor, Garvanciño e O zapateiro e os trasnos.
Contacreques é unha proposta poética, divertida áxil e desenfadada que aborda a historia do canto dun paxaro que lle revela o goce de vivir a un emperador; as peripecias dun minúsculo personaxe nun mundo de xigantes e a maxia dun Zapatrasno que é quen de transformar a realidade. As entradas para ver este espectáculo poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es. O prezo é de 9,50 euros para o público xeral; 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e 5,50 euros para menores de 14 anos.