O CONCELLO PROGRAMA VARIOS ACTOS DURANTE TODO O MES DE MARZO PARA CONMEMORAR O 8-M, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou as diferentes actividades acompañada da edil de Igualdade, Mar Gómez, e dos concelleiros de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, e Deportes, José Oreona
Narón, 28 de febreiro de 2020. O Concello deseñou un completo programa de actos, con propostas dirixidas a persoas de tódalas idades, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A alcaldesa, Marián Ferreiro, a edil de Igualdade, Mar Gómez, e os concelleiros de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, e Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá no Concello a programación. O vindeiro luns, día 2, comezarán a desenvolverse os proxectados na Biblioteca e nas Axencias de Lectura da Gándara e A Solaina. Na Biblioteca poderá verse a exposición biográfica Mulleres de onte e hoxe para o día de mañá, con publicacións para menores e público xuvenil e adulto tanto na Sala de Infantil como na de Adultos. Entre os libros que formarán parte desta mostra, que poderá verse ata o 14 de marzo, están: Rosalía feminista, de Helena González; Oito olladas sobre a folga feminista do 8-M, de Inma López, e Diario dunha rebelde, de María Murnau.
Na Axencia de Lectura da Gándara, dende o luns día 2 ata o venres 13 de marzo permanecerá a exposición fotobiográfica As mulleres na historia, que se poderá ver de luns a venres entre as 17.00 e as 19.00 horas. Trátase neste caso dunha mostra protagonizada por mulleres que fixeron historia en diferentes campos do coñecemento, as artes, as ciencias, a política
Entre elas formarán parte da exposición: Clara Campoamor, principal impulsora do sufraxio feminino en España e primeira muller en intervir no Tribunal Supremo; Concepción Arenal, Muller coa que naceu o feminismo en España; María Moliner, Autora do Diccionario de uso español; Federica Montseny, primeira muller ministra en España e María Montessori, pedagoga e primeira muller médica italiana.
Así mesmo, do 2 ao 5 de marzo na Axencia de Lectura e Ludoteca da Solaina realizarase o Xogo da muller, unha proposta que consiste na elaboración dun xogo de mesa para que os nenos e nenas coñezan de primeira man a vida e obra de diversas figuras femininas que loitaron polos dereitos e liberdades das mulleres. A actividade desenvolverase o luns 2 de marzo: de 18.00 a 19.00 horas para menores de 7 a 12 anos; o martes 3 de marzo: de 18.00 a 19.00 horas para nenas e nenos de 3 a 6 anos e o mércores 4 e xoves 5, de 17.00 a 18.00 horas para menores de 3 a 12 anos (faranse dous grupos).
O acto central, tal e como indicou Marián Ferreiro terá lugar o 5 de marzo no Concello, a tradicional homenaxe á Muller do Ano de Narón 2020. Será ás 12.00 horas e a persoa homenaxeada recibirá o recoñecemento da corporación local, tras aprobarse no pleno esta distinción. O nome desa persoa coñecerase ese día e só poido avanzar que ten unha traxectoria moi importante nun colectivo de aquí de Narón, avanzou Ferreiro.
Tamén o xoves 5 de marzo a Axencia de Lectura da Solaina acollerá unha nova actividade, a proxección de audiovisuais sobre a figura da muller nos debuxos e videoxogos: A boneca que elixiu conducir e Sexismo nas películas infantís. Trátase dunha proposta que se dirixe a nenas e nenos de 3 a 12 anos e que se levará a cabo dende as 17.00 ata as 18.00 horas, que inclúe un debate ao remate das proxeccións.
As actividades continuarán o sábado día 7 na Biblioteca do Alto, ás 11.00 horas, co contacontos Contaba a miña avoa que
, a cargo de Fátima Fernández. É unha proposta para nenas e nenos a partir de 4 anos e na que Fernández lles contará contos da tradición oral coas mulleres como protagonistas, unhas historias que contan avoas para amosarlles como superar as desigualdades. Para poder asistir é preciso inscribirse previamente, a partir do vindeiro martes, día 3 dende as 16.00 horas na Biblioteca municipal.
Así mesmo, o luns 9 de marzo ás 11.30 horas presentarase no Concello a campaña de sensibilización Non pases polo aro, protagonizada por mozas e mozos de Narón e que se centrará nas redes sociais, co obxectivo de sensibilizar sobre a violencia de xénero e amosar como detectala e visibilizala dende os seus estadíos iniciais. É unha proposta novidosa para os máis novos porque temos que ter en conta que son o futuro e debemos sensibilizalo de cara á problemática que temos na actualidade e do elevado índice de casos de violencia de xénero que se rexistran, apuntou a alcaldesa.
O martes 17 tamén serán protagonistas os mozos e mozas da cidade de cuarto curso de ESO e primeiro e segundo de Bacharelato, xa que dende o Concello se ofrecerá a todos os centros de ensino a posibilidade de asistir ao espectáculo Invisibles no Pazo da Cultura, ás 10.30 horas, explicou a edil responsable da área, Mercedes Taibo. Hai que implicar aos rapaces e rapazas na erradicación de certas condutas sociais e, ao mesmo tempo sensibilizalos sobre a problemática da violencia de xénero, apuntou a edil de Igualdade, Mar Gómez.
O deporte, explicou José Oreona, terá tamén cabida na programación do 8-M en Narón, coa celebración da carreira e andaina En marcha pola igualdade. Ofertaranse as modalidades de carreira e andaina para público infantil e adulto, por varias rúas da cidade, con saída e chegada á Praza da Gándara. A de adultos será de 5 quilómetros, tanto a andaina como a carreira e con saída sobre as 10.45 horas da Praza da Gándara, xa que ás 10.00 sairán os nenos e nenas, cun percorrido menor. As inscricións serán de balde, e deben tramitarse ata o 18 de marzo na web: www.carreirasgalegas.com.
O programa, como é tradicional, rematará coa Cea das Mulleres, que será o 27 de marzo, ás 21.30 horas, no Restaurante Casa Becerra, en San Xiao. Nesta cea realízase unha nova homenaxe, nesta ocasión pública, xa que poderán asistir todas as mulleres que o desexen, á Muller do Ano de Narón 2020. Será preciso adquirir previamente os tickets en Casa Becerra todos os días menos os martes, que pecha por descanso do persoal-. Poderanse comprar dende mañá sábado ata o día 24 de marzo.
A alcaldesa animou á cidadanía a participar nos actos organizados dende o Concello e a outros actos con motivo do 8-M para manifestarse polos dereitos de todas as mulleres.