Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO INTENSIFICA OS CONTROIS DA POLICÍA LOCAL PARA VELAR POLO CUMPRIMENTO DAS MEDIDAS DECRETADAS POLO ESTADO DE ALARMA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que transcorrido un período de advertencia e tras detectar incumprimentos da medida, procederase a sancionar aos infractores
Narón, 18 de marzo de 2020. Os axentes da Policía Local de Narón intensifican dende hoxe os controis en todo o termo municipal co fin de velar polo cumprimento das medidas decretadas polo estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria xerada polo coronavirus. Así o avanzou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que presidiu esta mañá unha nova reunión do equipo de coordinación de medidas de prevención do avance do coronavirus que se celebrou no Consistorio. “Dende a entrada en vigor do estado de alarma a Policía Local de Narón iniciou os controis requeridos sobre os desprazamentos da cidadanía, tanto no que respecta aos conductores como aos peatóns”, recordou Ferreiro, explicando que “ata a xornada de onte realizouse unha tarefa de advertencia pero hoxe mesmo, considerando que pasou un tempo prudencial e tendo en conta que se deu algún caso reincidente no incumprimento desta medida, comezaron a impoñerse sancións, tal e como marca o decreto do Goberno central”. A alcaldesa apuntou que “os axentes realizan os controis aleatoriamente nas diferentes estradas do termo municipal, tanto da zona urbana como da rural, e tamén controlan aos peatóns que saen á rúa e en áreas como os paseos marítimos, comprobando que as saídas se realizan por motivos contemplados no decreto estatal porque de non ser así serán sancionados”. Ferreiro advertiu, en previsión á xornada de mañá xoves, festivo no que se conmemora o Día do Pai, que “calquera persoa que circule cara a un domicilio que sexa distinto ao que figura no seu DNI como o habitual sen unha causa xustificada será denunciado e, polo tanto, sancionado polos axentes que realizan estas tarefas de control, dando así estricto cumprimento ás medidas implantadas trala entrada en vigor do decreto do estado de alarma”. O plantel da Policía Local de Narón, ao igual que o do Speis, está traballando en quendas que se deseñaron “atendendo á necesidade de dispoñer en todo momento e ante calquera posible incidencia, do persoal necesario para poder atender os citados servizos”, incidiu Ferreiro. A rexedora local recordou tamén que dende o pasado luns a Policía Local conta con dous novos axentes que tomaran posesión do seu cargo no Concello a principios deste mes e estaban completando a formación práctica na Academia Galega de Seguridade Pública, centro que pechou temporalmente como medida preventiva para frear a expansión do Covid-19. Nunha segunda xuntanza mantida esta mañá no Concello, tal e como informou a alcaldesa, incidiuse na suspensión dos prazos de ámbito tributario, medida contemplada no Real Decreto 8/2020 de 17 de marzo de Medidas Urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do Covid-19. O contido desta medida recóllese no artículo 33 do citado R.D. publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), podendo consultarse no enlace: https://www.boe.es/boe/dias/2020/03/18/pdfs/BOE-A-2020-3824.pdf. Sobre o contido do mesmo, a rexedora local asegurou que para aclarar algunha dúbida respecto ao documento pódese contactar co departamento municipal de Tesourería, no teléfono 981 337 700 (extensión 1408) ou a través do correo electrónico: tesoureria@naron.es. Así mesmo, Ferreiro informou sobre as recomendacións formuladas dende o Goberno central en canto ás medidas xerais para facer fronte a esta pandemia, entre as que están lavarse as mans periodicamente, manter a distancia social, cubrirse ao tusir e non tocar os ollos, o nariz nin a boca. Dende o Concello recordouse que está a disposición da veciñanza da cidade o número de teléfono 647 622 245, atendido por persoal de Protección Civil, e a través do que un equipo de voluntarios axuda ás persoas maiores de idade que estean soas e/ou enfermas. Finalmente, Ferreiro recordou a importancia de que a cidadanía cumpra cada unha das medidas estipuladas no Real decreto aprobado polo Goberno central co fin de frear a expansión do Covid-19.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal