Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO HABILITA UN ÁREA DE ASEO PARA OS TRANSPORTISTAS NO RECINTO DO ESTACIONAMENTO DE CAMIÓNS DO POLÍGONO DE RÍO DO POZO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que se están ultimando os traballos para que poida estar operativa mañá pola tarde
Narón, 30 de marzo de 2020. O Concello de Narón ultima os traballos que permitrán poñer en marcha, previsiblemente mañá pola tarde, unha zona de aseo para transportistas no polígono de Río do Pozo. A alcaldesa, Marián Ferreiro, avanzou que se instalarán dúas casetas móbiles, unha con doce duchas –seis para mulleres e seis para homes- e outra con aseos e lavabos, co fin de ofrecer este servizo na cidade, máis concretamente na parcela para estacionamento de camións localizada no citado parque empresarial da cidade. “Esta mesma mañá estívose traballando para dotar á parcela de subministro de auga e electricidade, co fin de poñer en marcha canto antes un servizo que está demandando o colectivo de transportistas nestes momentos e co que queremos colaborar dende o Concello”, explicou Ferreiro. “O estacionamento de camións está moi preto das instalacións da plataforma loxística que a empresa Lidl ten no mesmo polígono industrial, unha elección que non foi casual porque dende as instalacións da citada empresa subminístranse as tendas que a cadea ten en Galicia, Asturias e León”, indicou Ferreiro. Xunto coa citada empresa, tamén se localizan outras que permanecen abertas durante o estado de alarma, como as de repostaxe de combustible, entre outras. “O polígono rexistra unha considerable afluencia de camións no día a día, mermada estes días ante a crise do Covid-19 pero que entendemos que prestará un servizo moi necesario e complementario ao do estacionamento de camións a un colectivo, o dos transportistas, que tamén está realizando un traballo fundamental para que todas e todos nós dispoñamos dos recursos básicos”, explicou a rexedora local. Así mesmo, en canto ao mantemento da zona de aseo a alcaldesa subliñou que, con motivo das medidas sanitarias para a prevención do coronavirus, “contarán con servizo de limpeza e desinfección tres veces ao día, pola mañá, ao mediodía e pola noite, para poder ofrecer aos usuarios e usuarias das mesmas todas as garantías sanitarias que requiren este tipo de instalacións”. O estacionamento de camións construído hai algo máis dunha década nunha parcela de titularidade municipal duns 12.000 metros cadrados no polígono de Río do Pozo –na terceira fase- dispón de algo máis de medio cento de prazas para camións e dun centenar máis para turismos e outros vehículos. O Concello destinou no seu día unha partida próxima aos 300.000 euros para acondicionar este espazo.

<<< Decembro 2022 >>>

LMMXVSD
  1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19 20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es