Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO REACTIVA AS OBRAS DO CAMPO DE FÚTBOL DE HERBA ARTIFICIAL E DE HUMANIZACIÓN DAS VIVENDAS DA MARIÑA
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, valorou o conxunto das actuacións, orzamentadas nuns 700.000 euros
Narón, 2 de maio de 2020. O Concello de Narón reactivou dúas actuacións que se mantiveron varios días paralizadas tras decretarse o estado de alarma: a construción do campo de fútbol de herba artificial xunto ao estadio de Río Seco e a segunda fase de humanización das Vivendas da Mariña. A alcaldesa, Marián Ferreiro, asegurou que se trata “de dúas actuacións moi importantes na nosa cidade e que en conxunto suporán un investimento duns 700.000 euros, unha contía que nos permitirá ofrecer novos servizos ás nosas veciñas e veciños, no caso do campo de fútbol 11, e tamén continuar mellorando a accesibilidade dos nosos barrios, nesta ocasión nas Vivendas da Mariña”. O campo de fútbol de herba artificial constrúese nunha parcela localizada xunto ao estadio de Río Seco e terá unha superficie de 100 metros de lonxitude e 63 de ancho, reservándose 97 metros de longo por 60 de ancho para a superficie de xogo. “O remate destes traballos que están comezando permitiranos completar a oferta de equipamentos deportivos da nosa cidade cun campo de fútbol de herba artificial que nos ofrecerá a posibilidade de reducir a actividade do campo de herba natural, cunha elevada demanda que en ocasións fai que o terreo non se atope nas condicións óptimas polo continuo uso e a variabilidade estacional”, explicou Ferreiro. A medida que se plantexa dende o goberno local é reservar o uso do campo de herba natural para disputar partidos de categorías superiores, fomentando o uso do de herba artificial para o resto de partidos e adestramentos. A actuación suporá un desembolso de algo máis de 400.000 euros, que se cofinancian entre a Deputación da Coruña e o Concello de Narón a través do POS+2019. A segunda das actuacións que se retomou hai uns días é a da renovación de beirarrúas e pavimentos das Vivendas da Mariña, que se executa con cargo a unha partida das arcas municipais que ronda os 300.000 euros. “Trátase da segunda fase desta intervención, xa que a primeira está rematada dende hai varios meses e teñen como obxectivo mellorar a accesibilidade, dando a máxima prioridade ao peatón sobre o tránsito de vehículos e na que tamén incluímos novos servizos, como unha rede de recollida de augas pluviais”, apuntou a alcaldesa. As obras desta fase execútanse nun tramo da rúa Alfonso X O Sabio, no vial paralelo á estrada de Castela e nas rúas Illa de San Vicente e Illa da Coba e, xunto coas realizadas na fase anterior suporán un investimento de case 500.000 euros para renovar por completo este barrio da cidade construído hai uns 60 anos”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal