Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
PERSOAL DE PROTECCIÓN CIVIL E DO CENTRO DE RECURSOS SOLIDARIOS DE NARÓN ENTREGOU MÁIS DE 108 TONELADAS DE ALIMENTOS ÁS FAMILIAS MÁIS VULNERABLES
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou a implicación das persoas que se encargan do servizo, así como das veciñas e vecinos, sempre dispostos a colaborar para axudar a quen máis o precisa
Narón, 19 de maio de 2020. Persoal voluntario de Protección Civil e do Centro de Recursos Solidarios continúa traballando no reparto de alimentos e produtos de hixiene ás familias máis vulnerables. Dende que se decretou o estado de alarma, o pasado 14 de marzo, xa se entregaron dende as citadas instalacións un total de 108,23 toneladas de alimentos e produtos de hixiene a aquelas persoas que precisan nestes momentos axuda para ter alimentos e produtos de hixiene. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asegurou que “as persoas son en todo momento a prioridade do goberno local de Narón e dende o Concello temos á súa disposición todos os recursos dispoñibles da administración cada día, incrementándoos e reforzándoos en momentos como nesta crise sanitaria, que está tendo efectos devastadores na nosa sociedade ata o punto de que moitas familias que antes non precisaban axuda para alimentos nestes momentos si que a requiren debido á súa situación persoal”. Ferreiro explicou que na actualidade son unhas duascentas familias as que reciben axuda a través do Centro de Recursos Solidarios de Narón. “Cada un dos casos é analizado a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, que deriva ás persoas que precisan esa axuda nestes momentos para dispoñer da mesma a través das citadas instalacións”. Os voluntarios de Protección Civil e o persoal do Centro de Recursos Solidarios de Narón colaboran a diario na organización dos lotes que se entregan a cada familia, que se preparan atendendo ao número de persoas que integran a unidade familiar. A entrega realízase atendendo a todos os protocolos establecidos ante esta crise sanitaria da Covid-19, ofrecendo as máximas garantías de hixiene e sanitarias. Ferreiro recordou que entre o 4 e o 9 de maio o Concello impulsou unha campaña de recollida de alimentos e produtos de hixiene para o Centro de Recursos Solidarios de Narón, na que se recolleron algo máis de once toneladas. “Persoal voluntario e do Centro de Recursos Solidarios, ao que quero agradecer de novo a súa total implicación e entrega en diferentes accións que estamos levando a cabo dende o Concello para axudar ás nosas veciñas e veciños, desprazouse ata catorce establecementos de alimentación polas mañás para colaborar nesta campaña que foi todo un éxito grazas tamén á excelente acollida que tivo entre todas as persoas que colaboraron realizando doazóns”, asegurou Ferreiro. Na actualidade o Centro de Recursos Solidarios dispón de alimentos e produtos de hixiene para poder atender ás familias que están requerindo axuda, pero calquera persoa que poida doar –tanto alimentos e produtos de hixiene como roupa- pode facelo nas propias instalacións, ubicadas no polígono da Gándara (xunto ao Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz). O horario de apertura é de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 e recomendase chamar previamente aos números de teléfono 881 308 349 ou 722 724 782 para concertar unha cita para a entrega.

<<< Outubro 2022 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17 18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es