Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN APROBA A SUPRESIÓN DE LIMITACIÓNS EN AXUDAS FINANCIEIRAS A FAMILIAS PARA GASTOS DE VIVENDA E NECESIDADES URXENTES DERIVADAS DA COVID-19
Na sesión aprobouse tamén un modificado de crédito por importe de 822.500 euros para acometer varias actuacións e unha modificación na taxa das terrazas, tal e como apuntou a alcaldesa, Marián Ferreiro
Narón, 15 de xuño de 2020. O Concello acolleu esta mañá a celebración de dous plenos extraordinarios, a través de videoconferencia. Na primeira das sesións, que deu comezo ás 10.00 horas, procedeuse ao sorteo dos membros que integrarán as mesas electorais ao Parlamento de Galicia, do vindeiro 12 de xullo. As persoas que, a través dun procedemento informático, resultaron seleccionadas, recibirán unha notificación persoal nos vindeiros días nos seus domicilios, tal e como se establece no procedemento. Ás 10.15 horas iniciouse o segundo pleno extraordinario, sobre o que a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, recalcou que “a aprobación das modificacións de axudas financieiras para atender necesidades sociais básicas e dos cambios na taxa por utilización de bens de dominio público local é de especial relevancia e urxencia nuns tempos nos que a crise da Covid-19 está provocando graves efectos económicos na sociedade”. As modificacións aprobadas no pleno por unanimidade, sobre axudas financieiras, “flexibilizan considerablemente os termos de concesión co fin de ofrecer a máxima axuda aos veciños e veciñas da cidade que máis o precisan nestes momentos”, recalcou Ferreiro. “As modificacións afectan ás axudas económicas para garantía de vivenda habitual, para necesidades urxentes diversas e para gastos diversos de uso de vivenda habitual, que deixan de estar sometidas ao límite máximo do seu importe, ao do número de axudas concedidas polo mesmo concepto e aos prazos para volver a solicitalas –nalgunhas situacións se se superaban eses límites había que esperar un ano para solicitalas de novo- ao tratarse dunha situación social desfavorable derivada da Covid-19”, explicou a alcaldesa. A concesión das mesmas continuarase facendo atendendo a informes específicos e as pertinentes xustificacións sobre cada unha das situacións, que analizará o Servizo Sociocomunitario. Neste segundo pleno aprobouse cos votos do goberno local un modificado de crédito por importe de 822.520 euros, con cargo ao que se sufragarán, entre outros, os gastos da demolición de dúas vivendas en estado ruinoso en Xuvia; acondicionarase o vial de acceso e dotarase de servizos á parcela do novo centro de saúde, e procederase a reparar o firme dos camiños de Sabín, Mosteiro, As Agras, Agrande, Vilacornelle, Os Calvos e Vilar. O portavoz de Terra Galega e concelleiro de Facenda, Román Romero, explicou que se trata, en todos os casos, de cubrir gastos “que se consideran necesarios e inaprazables”. Sobre este punto, a alcaldesa, Marián Ferreiro, aclarou que “no momento de presentar os orzamentos municipais deste ano anunciamos que a partida de investimentos sería superior á indicada no documento pola incorporación de remanentes, que é o que aprobamos hoxe”. Así mesmo, aprobouse de xeito provisional, coa abstención dos edís do PP e do BNG, a modificación da ordenanza fiscal nº 27, que regula a taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local. O concelleiro de Facenda explicou que se engade á ordenanza unha disposición transitoria na que se recolle que se o Estado ou as Comunidades Autónomas declaran causas de forza maior que impidan o desenvolvemento da actividade económica non se cobrará a taxa establecida nas tarifas afectadas. E nos períodos nos que existan limitacións que por razóns de forza maior impidan o desenvolvemento da actividade pola que se obriga ao pago da taxa, establécese unha tarifa reducida mensual de 6,25 euros por unha mesa e catro cadeiras, o 50% do importe habitual e que se cobrará ata finais deste ano. O Concello devolverá o importe da taxa ou prorrateará a cota correspondente ao período no que non houbo actividade ou no que continuaron as restricións. Estas medidas aplicaranse con efecto retroactivo dende o 14 de marzo deste ano, día no que o Goberno central decretou o estado de alarma.

<<< Febreiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13 14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
Eventos do Concello
www.naron.es