Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UN CAMPAMANETO DE VERÁN REABRE A PROGRAMACIÓN DO PAZO DA CULTURA E PROMOVERÁ A CONCILIACIÓN NO VERÁN CON OUTRAS DÚAS INICIATIVAS MUNICIPAIS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, avanzou que as tres propostas que se levarán a cabo nos meses de xullo e agosto se dirixen a menores de entre 3 e 12 anos
Narón, 17 de xuño de 2020. A alcaldesa, Marián Ferreiro, anunciou a celebración, durante os vindeiros meses de xullo e agosto, de varias iniciativas dirixidas ás familias e deseñadas co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. “Dende o Concello e o Padroado da Cultura levaremos a cabo unha serie de propostas vinculadas á conciliación e dirixidas ás nosas veciñas e veciños, todas elas a desenvolver durante a tempada estival, coincidindo coas vacacións escolares das rapazas e rapaces e ofrecéndolles unha alternativa de ocio cun marcado carácter formativo ademais de lúdico”, indicou. Dende o Padroado da Cultura organizáronse os “Campamentos culturais de verán” para os meses de xullo e agosto nos que poderán participar menores de entre 3 e 12 anos, tal e como explicou a alcaldesa. “Programáronse quendas semanais que estarán divididas en tres grupos, por idades, con menores de 3 a 5 anos (máximo dez prazas); de 6 a 9 e de 10 a 12 (máximo 15 prazas para cada unha delas) e para os que se requerirá un mínimo de asistentes”, avanzou. Os campamentos desenvolveranse entre as 8.00 e as 14.00 horas –de luns a venres- nas instalacións do Pazo da Cultura, donde se sucederán unha gran variedade de actividades que inclúen, a maiores, outras propostas pensadas para levar a cabo no exterior do Pazo e tamén saídas polo termo municipal: ao paseo da Gándara, polas inmediacións do río Xuvia, ao mosteiro do Couto… no caso de que as condicións meteorolóxicas o permitan, e algunhas festas temáticas. Clases de diferentes modalidades de baile (deportivo, tradicional, moderno e de salón), xogos tradicionais, de expresión corporal e psicomotrices, obradoiros de manualidades, sesións de relaxación (ioga, pilates, estiramentos, masaxes…) e visionado de películas completarán as propostas da programación destes campamentos estivais. A primeira das oito quendas será do 6 ao 10 de xullo, e a última entre o 24 e o 28 de agosto. “As persoas que desexen acudir poderán anotarse ata un máximo de catro quendas, se ben aqueles que participen nalgunha quenda de xullo e queiran facelo tamén en agosto pasarán a formar parte dunha lista de espera”, apuntou Ferreiro. As inscricións –haberá que pagar unha taxa de 11,20 euros por quenda- tramitaranse nas oficinas do Pazo da Cultura, a partir de mañá, en horario de 9.30 a 13.30 horas e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Narón. As outras dúas propostas de ocio educativo, tal e como avanzou a alcaldesa, serán os programas municipais “PequeAldea” e “KDD X Igual mocidade 2020”, que se desenvolverán en ambos casos nas instalacións do Parque de Aldea Nova, na parroquia de Sedes e que serán de balde. O programa “PequeAldea” diríxese a menores nados entre 2008 e 2016, empadroados ou escolarizados en Narón e cuxos dous membros parentais traballen, se ben no caso de familias monoparentais tan só será preciso que cumpra ese requisito a persoa que teña a garda e custodia do/a menor. En total programáronse catro quendas: do 6 ao 17 e do 20 ao 31 de xullo e do 3 ao 14 e do 17 ao 28 de agosto. “Entre as 9.00 e as 14.00 horas os/as menores estarán nas instalacións do parque de Aldea Nova. Haberá un servizo de conciliación previo e posterior ao inicio e ao remate da actividade, na casa da mocidade, así como un servizo de transporte”, apuntou Ferreiro. En total, para este programa ofértanse 90 prazas, para as que se abrirán as inscricións nos vindeiros días e no que “realizarán actividades relacionadas coa robótica Lego, de horticultura, experimentos, lectoescritura, construción de maquetas… adaptadas á súa idade”. A segunda das propostas municipais dirixida a un colectivo específico é a “KDD X Igual mocidade 2020”, un programa dirixido á mocidade nada entre 2002 e 2007 –tamén empadroada ou escolarizada na cidade- e que terá lugar do 6 ao 12 de xullo. De luns a xoves desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas, se ben o venres e o sábado haberá pernoctación e pensión completa no parque Aldea Nova para rematar o domingo 12 de xullo ao mediodía. En total haberá 18 prazas e tamén se facilitará dende o Concello servizo de transporte dende a Casa da Mocidade e a apertura do prazo de inscrición anunciarase nos vindeiros días. “As rapazas e rapaces que acudan a esta convocatoria terán a oportunidade de realizar actividades relacionadas coa igualdade, o respecto ao medio ambiente, a cooperación e a solidariedade e os hábitos saudables, entre outras propostas, dirixidas por un equipo educativo”, avanzou Ferreiro. “En todos os casos extremaranse as medidas hixiénico sanitarias para garantir en todo momento a seguridade dos asistentes, que deben cumprir as recomendacións e indicacións sanitarias en materia de prevención da Covid-19”, asegurou Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal