Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTINARÁ MÁIS DE 462.000 EUROS A REFORZAR AS AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL, AMPLIAR O LOCAL SOCIAL DE SAN MATEO E Á REDE DE SANEAMENTO NO COUTO
As actuacións a acometer abordáronse no transcurso da Comisión Informativa de Contratación, Persoal e Especial de Contas, celebrada esta mañá e presidida polo edil de Facenda, Román Romero
Narón, 18 de xuño de 2020. O Concello de Narón destinará 337.463 euros do POS+ Adicional 2020 a acometer un proxecto de ampliación da rede de saneamento na parroquia do Couto e outro para ampliar o local social de San Mateo, así como 27.439 euros a gastos correntes. Con cargo a este mesmo plan, 97.307 euros reserváronse para reforzar a dotación de partidas destinadas a cubrir necesidades básicas da cidadanía, asistencia técnica a colectivos vulnerables e á adquisición de medios de prevención. “En conxunto, estamos falando dun investimento de algo máis de 462.000 na cidade, unha contía reservada maioritariamente para a ampliación dos servizos e mellora de instalacións no termo municipal e, a maiores, tamén para atender a prioridade deste goberno local, as necesidades das nosas veciñas e veciños ante a actual situación que estamos vivindo”, indicou o edil de Facenda, Román Romero. As actuacións abordáronse esta mañá cos integrantes da Comisión Informativa de Contratación, Persoal e Especial de Contas, presidida polo edil de Facenda. Romero explicou no referente ás obras, que o proxecto de ampliación do local social de San Mateo. “Trátase dun compromiso adquirido no seu día dende o grupo de goberno coas veciñas e veciños desta parroquia e que se materializará coa execución dunha obra que permitirá ampliar nuns aproximadamente 200 metros cadrados a actual superficie da construción, localizada no camiño da Xilfeira”, avanzou o edil. A ampliación levarase a cabo pola zona suroeste, prolongando a cuberta ata un ancho aproximado de sete metros, tal e como figura no proxecto, orzamentado en 88.317 euros. “O local terá un novo acceso, a maiores do actual, e tamén se mellorará a súa iluminación e se incrementarán as medidas contraincendios”, apuntou Romero, que destacou que “con cargo ao proxecto habilitarase unha sala multiusos que permitirá tamén ampliar a oferta das múltiples actividades que xa desenvolve a entidade ao longo do ano”. Na parroquia do Couto procederase a executar un investimento de 249.146 euros, unha contía que permitirá desenvolver unha actuación proxectada no entorno da FE-11, nas inmediacións do mosteiro e da urbanización do Couto. “Os traballos consistirán na execución de varios tramos de colector de saneamento para recoller verquidos das vivendas ubicadas nesas zonas mediante un sistema de bombeo, cunha previsión de dar servizo inicialmente a 21 vivendas pero que podería ampliarse ata un máximo de 35”. Indicou o edil de Facenda. Na área social, tal e como apuntou Romero, “o investimento con cargo a este plan provincial será de 97.307 euros, unha contía que maioritariamente se destinará a axudas para cubrir as necesidades básicas das familias en situación económica-social desfavorable”. En concreto, indicou, reservaranse 90.000 euros para ese fin “co obxectivo de reforzar a axuda ás persoas que máis o precisan, para que se poida asegurar a cobertura das súas necesidades básicas, sexan de urxencia ou de inserción e derivados da Covid-19”. Do resto desa partida global, 4.307 euros serán para adquisición de medios de prevención e os restantes 3.000 para asistencia técnica a colectivos vulnerables con motivo desta crise sanitaria.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal