Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APERTURA DO PRAZO DE INSCRICIÓN NOS PROGRAMAS MUNICIPAIS "PEKEALDEA" E "KDD X IGUAL MOCIDADE 2020"
As inscricións nestes dous programas poden realizarse ata o 29 de xuño na Sede Electrónica do Concello e continúa tamén aberto o período de inscrición nos "Campamentos culturais de verán" do Pazo da Cultura, tres propostas municipais para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar
Narón, 21 de xuño de 2020. O Concello abrirá mañá luns –e ata o 29 de xuño- o prazo de inscrición nos programas municipais “PekeAldea” e “KDD X Igual mocidade 2020”, que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto nas instalacións do parque de Aldea Nova, en Sedes. A primeira das propostas diríxese a menores nados entre 2008 e 2016, se ben a segunda é para mocidade nada entre 2002 e 2007. En ambos casos as inscricións, que son de balde, deben tramitarse a través da Sede Electrónica do Concello -sedeelectronica.naron.es-, no Servizo Sociocomunitario (primeiro andar, con acceso dende a Praza de Galicia) ou a través dos medios establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015 do Procedemento administrativo común das administracións públicas. As prazas outorgaranse a través dun sorteo que se realizará o 1 de xullo ante o Secretario Xeral do Concello. Os menores que participen no programa “PequeAldea” deben estar empadroados ou escolarizados en Narón e teñen que xustificar que traballan os dous membros parentais ou, no caso de familias monoparentais cumprir ese requisito a persoa que teña a garda e custodia do/a menor. Haberá un total de catro quendas: do 6 ao 17 e do 20 ao 31 de xullo e do 3 ao 14 e do 17 ao 28 de agosto para un total de 90 rapazas e rapaces. Os participantes estarán nas instalacións de Aldea Nova entre as 9.00 e as 14.00 horas, se ben haberá un servizo de conciliación previo e posterior ás actividades na Casa da Mocidade –de 7.30 a 9.00 e de 14.15 a 15.00 horas- e tamén servizo de transporte. Trátase dun obradoiro educativo no que se realizarán actividades relacionadas coa igualdade, o medio ambiente, a solidariedade, o consumo sostible, etc. A segunda das propostas é a “KDD X Igual mocidade 2020”, para mocidade nada entre 2002 e 2007 –tamén empadroada ou escolarizada na cidade- e que terá lugar do 6 ao 12 de xullo. As actividades desenvolveranse de luns a xoves entre as 10.00 e as 14.00 horas, se ben o venres e o sábado haberá pernoctación e pensión completa no parque Aldea Nova para rematar o domingo 12 de xullo sobre as 12.00 horas. Hay un total de 18 prazas e o Concello facilitará servizo de transporte dende a Casa da Mocidade. Roteiros de sendeirismo, obradoiros, actividades deportivas e de ocio saudable e activo, e accións formativas forman parte do programa desta proposta municipal. Así mesmo, continúa aberto o prazo de inscrición nos “Campamentos culturais de verán” organizados polo Padroado da Cultura para os meses de xullo e agosto e dirixidos a menores de entre 3 e 12 anos. Para esta proposta deseñaronse tres quendas semanais entre o 6 de xullo e o 28 de agosto: para menores de 3 a 5 anos (máximo dez prazas); de 6 a 9 anos e de 10 a 12 (máximo quince prazas en cada unha delas), sendo preciso para realizalos reunir a un mínimo de asistentes. Entre as 8.00 e as 14.00 horas os asistentes participarán nun variado programa de actividades no Pazo da Cultura –baile, ioga, obradoiros, visionado de películas…-, en saídas organizadas polas inmediacións do río Xuvia, ao mosteiro do Couto… e en festas temáticas. As inscricións –cunha taxa de 11,20 euros por quenda- tramítanse nas oficinas do Pazo da Cultura, en horario de 9.30 a 13.30 horas e teñen preferencia á hora de participar as persoas empadroadas no Concello de Narón. Os tres obradoiros programáronse para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o verán e realizaranse extremando as medidas e recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias, seguindo un protocolo específico para a actual situación.

<<< Febreiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13 14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
Eventos do Concello
www.naron.es