A ALCALDESA ASINOU CINCO CONVENIOS CON CENTROS DE ENSINO DA CIDADE EN MATERIA DE PROMOCIÓN EDUCATIVA
Marián Ferreiro destacou a importancia destes acordos que, en conxunto, suporán un investimento de 17.900 euros
Narón, 13 de xullo de 2020. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asinou esta mañá no Concello cinco convenios cos representantes de cinco centros de ensino da cidade nunha cita á que tamén asistiu a edil de Educación, Mercedes Taibo. Os convenios asináronos, por parte dos centros, Eva María Bouza, do CEIP A Gándara, María Belén Franco, do CEIP Piñeiros, Susana García, do CRA de Narón, José Carlos Pena, do CEIP Ponte de Xuvia e María del Carmen Loureiro, do CEIP Virxe do Mar. En conxunto, tal e como indicou a rexedora local, o importe destinado dende a administración local a estes convenios de promoción educativa ascende a 17.900 euros.
Ferreiro recordou que o Concello, a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, leva varios anos promocionando na cidade actividades educativas a través do programa de recursos educativos de apoio á escola, moitas delas nos parques temáticos e áreas medioambientais da cidade. En base á boa aceptación que teñen este tipo de actividades e considerando a necesidade de darlle continuidade a este programa, un ano máis asinamos estes convenios para seguir desenvolvendo esas actuacións, asegurou a rexedora local.
Os beneficiarios do convenio son as alumnas e os alumnos de cada un destes centros educativos, todos eles, con máis de 20 anos desde a súa implantación na cidade. A alcaldesa agradeceu aos representantes dos centros a vosa gran implicación nos programas que, dirixidos aos escolares, impulsamos dende o Concello e que complementan a outros organizados dende os colexios, accións que consideramos moi importantes e, polo tanto, ás que queremos darlles continuidade contribuíndo na medida das posibilidades do Consistorio.