A concellería de Promoción Económica, dirixida polo edil David Pita, organiza a convocatoria, que terá lugar os días 28 e 29 deste mes, en colaboración coa Asociación Terra Rendible
Narón, 19 de agosto de 2020. O edil de Promoción Económica, David Pita, e o presidente da asociación Terra Rendible, Manuel Fernández, presentaron esta mañá no Concello o curso Tempo de colleitar, tempo de conservar. A convocatoria, de balde e con inscrición previa, terá lugar os días 28 e 29 de agosto nas inmediacións do local social do Val, tal e como anunciou Pita. As inscricións deben realizarse antes do 25 deste mes a través do correo electrónico: terrarendible@gmail.com ou a través do Whatshapp, chamando ao teléfono 604 024 849, indicando o nome e apelidos, enderezo e número de teléfono móbil.
O edil naronés destacou que se trata dun curso para aprender a facer conservas de produtos tanto do mar como da horta, con diferentes técnicas: en aceite, deshidratación, fermentación, en vinagres e manzanillas
Pita agradeceu o labor que a asociación Terra Rendible realiza no Concello e incidiu en que esta convocatoria supón unha oportunidade para rentabilizar a produción, ao tempo que animou ás persoas interesadas a anotarse para cubrir as 25 prazas dispoñibles.
Pola súa banda o presidente de Terra Rendible recordou que o sector primario colleita na época do verán e no outono e asegurou que vivimos uns tempos de reflexión e de voltar a pensar no que aprendemos dos nosos antergos, que procuraban ter a despensa chea para o inverno coas súas propias colleitas. Fernández animou a coller o chip de aproveitar, e non tirar os excedentes alimentarios e realizar conservas que se poderán utilizar durante varios meses. O presidente da asociación agradeceu a implicación do Concello e ao igual que Pita, a colaboración da Asociación de Veciños Os Irmandiños, do Val.
Os asistentes poderán ver como se realizan conservas de bonito utilizando aceite de Quiroga-, de cenorias
e outros produtos, tal e como avanzaron dende a organización.
Finalmente Pita recalcou que será obrigatorio acudir con máscara e que haberá xel hidroalcohólico e se manterán as distancias de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias.