Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA ANUNCIA A CANCELACIÓN DA "FESTA DO XOGO 2020", A "GRAN FESTA INFANTIL CIDADE DE NARÓN" E O CONCERTO DE "DEQUENVESSENDO"
A rexedora local, Marián Ferreiro, incidiu en que a decisión se adoptou ante o incremento nos últimos días de contaxios e brotes da Covid-19
Narón, 20 de agosto de 2020. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou a cancelación de actos organizados tanto polo Concello como dende o Padroado da Cultura e que ían ter lugar dende finais deste mes ata finais de setembro. “Ante o avance no número de afectados pola Covid-19 que se está rexistrando nos últimos días a nivel xeral e na nosa comarca en particular, tras analizar a situación consideramos que o máis prudente nestes momentos é cancelar unha serie de actividades que estaban previstas para finais deste mes e tamén en varios días de setembro, evitando así concentracións de moitas persoas nunha mesma localización, co risco que podería supoñer de cara á propagación deste virus”, asegurou Ferreiro. A rexedora local e presidenta do Padroado da Cultura anunciou a cancelación da tradicional “Festa do Xogo 2020”, unha convocatoria organizada dende o Padroado da Cultura, con múltiples propostas de xogo tradicional dirixidas a todo tipo de públicos, e que se ía celebrar os días 30 de agosto e 6, 13 e 20 de setembro en diferentes ubicacións do termo municipal. O concerto do grupo de música galega “Dequenvessendo”, previsto para o 20 de setembro no parque fluvial de Freixeiro, ás 12.00 horas, suspenderase debido a esta mesma situación, e analizarase neste caso a posibilidade de buscar unha nova data para esta proposta, concedida ao Concello pola Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así mesmo, tal e como avanzou a alcaldesa, tampouco se celebrará este ano a “Gran Festa Infantil Cidade de Narón”, coa que tradicionalmente se despedía a tempada estival no mes de setembro. Dende a concellería de Festas, á vista da situación das últimas semanas, estívose analizando a viabilidade de organizar catro actos dun formato diferente con menor aforo en catro espazos públicos da cidade, se ben finalmente tamén se descartou esta opción como medida de seguridade e preventiva. “Dende o Concello estivemos mantendo algunhas das actividades organizadas para a cidadanía durante a tempada estival, pero consideramos que ante a tendencia dos últimos días cun incremento de novos contaxios e brotes por coronavirus debemos cancelar aqueles actos que poidan supoñer unha elevada concentración de persoas como medida preventiva para frear o avance da Covid-19”, recalcou Ferreiro.

<<< Febreiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13 14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
Eventos do Concello
www.naron.es