Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO APOIA AS REIVINDICACIÓNS DA ASOCIACIÓN DE SAÚDE MENTAL FERROL, EUME E ORTEGAL CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, o edil de Sanidade, Santiago Galego, e o xefe de Psicoloxía da Área Sanitaria de Ferrol, Antonio Núñez, abordaron esta mañá no Concello a situación do colectivo co presidente de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena, e con Manuel Mauriz, usuario da entidade
Narón, 9 de outubro de 2020. O Día Mundial da Saúde Mental conmemórase mañá 10 de outubro. Con motivo desta data, dende o Concello de Narón amosouse publicamente un ano máis o respaldo ás persoas que padecen este trastorno e ás súas familias. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Sanidade, Santiago Galego, participaron nunha rolda de prensa á que tamén asistiron Félix Pena, presidente da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Jose Manuel Mauriz, usuario da entidade, e Antonio Núñez, xefe do Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol. “Salud mental y bienestar, una prioridad global” é o lema da campaña deste ano, que debido á situación sanitaria se desenvolverá dun xeito diferente. A alcaldesa recalcou o apoio que se presta dende o goberno local a entidades como Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, coa que se asina anualmente un convenio de colaboración para ofrecer os seus servizos á cidadanía nesta área. “É fundamental a atención sanitaria e psicolóxica ás persoas con problemas de saúde mental, colectivo co que temos que continuar traballando día a día para lograr a súa plena inserción social e garantir o seu benestar, poñendo á súa disposición dende as administracións todos os recursos que estean na nosa man”. Pola súa banda, Galego asegurou que “moitas veces é moi difícil diagnosticar este tipo de situacións, que afectan a moitas persoas que en ocasións non chegan a solicitar axuda a entidades ou servizos especializados”. Así mesmo, asegurou que “todas as administracións temos que poñernos dacordo e potenciar este servizo, ofrecendo tamén todo o noso apoio ao colectivo”. En representación da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, o seu presidente asegurou que é preciso “levar a cabo campañas informativas, de sensibilización e reivindicación dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental” e recalcou que “todas as persoas deben ter acceso a servizos públicos de saúde mental de calidade”. En canto ás prioridades en materia de actuación na actual situación de pandemia, Félix Pena enumerou a necesidade de asegurar a atención en saúde mental, construír servizos de saúde mental do futuro e acadar un compromiso firme a prol da saúde e o benestar. Na convocatoria desta mañá o xefe do Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol, Antonio Núñez, indicou que “a saúde mental é unha das áreas máis desatendidas dende a saúde pública e o Día Mundial da Saúde Mental representa unha oportunidade para reclamar e impulsar un incremento a gran escala de investimentos en materia de saúde mental”. Núñez asegurou que “no momento actual engádense as repercusións asociadas en ocasións adicionais á Covid-19 e tanto os profesionais como as familias e a sociedade en xeral temos que poñer de manifesto a necesidade de impulsar e incrementar o investimento en saúde mental”. En representación dos usuarios da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, José Manuel Mauriz apuntou que “a saúde mental e o benestar social son prioridades globais e precisamos debuxar un escenario que nos leve ao benestar e facer que todos os procesos que rodean a saúde mental se definan a través dos dereitos humáns”. A maiores recalcou que “é necesario establecer cauces para a participación en sociedade do colectivo”. Ferreiro e Galego incidiron no apoio do goberno local á asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e animáronos a continuar traballando para que as persoas con problemas de saúde mental poidan ter día a día unha mellor calidade de vida e se integren plenamente na sociedade, ofrecendo a colaboración posible da administración local para acadar este obxectivo.

<<< Xaneiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es