Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PAZO DA CULTURA ACOLLE MAÑÁ A EXPOSICIÓN DAS OBRAS CREADAS A TRAVÉS DO PROXECTO MUNICIPAL "UN MUNDO CHEO DE DIVERSIDADE"
As persoas que desexen ver a exposición deberán comunicalo previamente por correo electrónico debido ás restricións de aforo, tal e como explicou a concelleira de Benestar Social, Catalina García
Narón, 9 de decembro de 2020. O Pazo da Cultura naronés acollerá dende mañá, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos, a inauguración da mostra “Cartografías da Diversidade”, conformada polas máis de medio cento de pezas artísticas creadas por diferentes colectivos da comarca de Ferrolterra no marco do proxecto de inclusión e dinamización comunitaria “Un Mundo Cheo de Diversidade”, impulsado polo Concello de Narón. Deseñada en formato work-in-progress co obxectivo de construír o seu resultado final de forma progresiva e participada a partir da intervención creativa de cada unha das visitantes, a exposición, tal e como avanzou a concelleira de Benestar Social, Catalina García, poderase visitar, en grupos reducidos e mediante inscrición previa, o xoves 10 entre as 11.00 e as 20.00 horas, cando se realizará a inauguración oficial, e o venres 11, ata as 18.00 horas. A edil naronesa explicou que debido a que o aforo é moi reducido e se programarán horarios de visita por quendas, para asistir é preciso inscribirse a través do correo electrónico: 7hcoop@7hcoop.gal. A reivindicación do valor enriquecedor da diferenza desde a experimentación coas técnicas da poesía visual e da pintura con luz é o fío condutor da mostra, que exhibirá pezas en formato postal de 10x15cm creadas no marco da edición 2020 do programa. Desenvolto ao longo dos últimos meses a través de sesións virtuais e actividades presenciais, o proxecto procurou converter a creación artística contemporánea nun medio de expresión e apoderamento para persoas da Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (ALCER); Asociación ASCM; Asociación Nuestra Señora de Chamorro; Asociación Movilidad Humana; Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF); Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (ASPANEPS); COGAMI; Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e Teima Down Ferrol. Ademais das pezas realizadas polas participantes destas nove entidades en diferentes laboratorios de creación, na mostra tamén se exhibirán as obras creadas a partir de vídeo-titoriais, difundidos a través das canles virtuais do Concello co fin de trasladar as propostas artísticas dos talleres ao conxunto da cidadanía. García agradeceu o labor realizado por todas as persoas que participaron nesta iniciativa e tamén a todas aquelas que por mor da Covid-19 non puideron participar nestas actividades este ano debido ás restricións en vigor para aforos nas de carácter presencial. Así mesmo, animou á veciñanza a anotarse nas visitas programadas para poder ver o exitoso traballo realizado.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal